Honduras, capital Venezuela

Fagan a proba. Xúntense con amigos ao redor dunha mesa e vaian sacando temas de conversa. Despois do de Diana Quer (se hai algún cuñao na mesa igual lles presta isto de Pereiro en Ctxt de que Rianxo no es Brooklyn para contraatacar), da drag queen na Cabalgata de Reis e algo de Cataluña (unha sobremesa sen que alguén se cague en Junqueras, Puidgemont e Rufián non é unha sobremesa), metan a cuña do que está a pasar alén dos Pirineos. Así, por distender. Xa sabemos todos que a información internacional non está entre as materias dominadas polo cuñadismo universal.

«E que me dicides do que está a pasar en Honduras?», pode ser un bo xeito de comezar. O máis probable é que o tema morra aí. Apostamos cantos na mesa saben que o país anda incendiado de protestas da oposición polo que consideran un fraude electoral (denunciado por Human Watch Rights) en favor do candidato a reelección Juan Orlando Hernández? Dobramos a aposta. Cantos saben que Hernández, que modificou a Constitución para poder optar a reelección, é o home do Banco Mundial para poder impoñer no país o soño erótico neoliberal das Zonas de Desarrollo y Empleo Económico (ZEDE) onde o Estado e as institucións son os mesmos empresarios (si, busquen, busquen)? Igual entre os comensais algún escoitou falar do asasinato de Berta Cáceres, ou sabían que Hernández e os seus néganse a impulsar unha Comisión Internacional, similar a CICIG de Guatemala, para relanzar todos estes enredos xudiciais paralizados pola xustiza corrupta? Se algún aínda fica interesado na conversa, preguntádelle se escoitou falar do golpe de Estado en 2009 contra Manuel Zelaya.

Un golpe de Estado? Iso só ocorre en Cataluña. Ou en Venezuela. Por aí si, os cuñaos e non tan cuñados teñen moito que dicir. Que se a inflación. Que se a entrevista de Évole. Que se hai máis mortos en Caracas que en Bagdad. Que se Leopoldo e os presos políticos (Nin Junqueras nin Leopoldo, o preso político deste país é Sito Miñanco). Que nos supermercados non hai comida nin papel hixiénico…. Pedide un gin tonic, e se xa o pedirades, chamade por outro. E ollo, que non se trata de negar a evidencia. Que o de Venezuela é un desastre que ben merece unha revolución.

O máis probable é que a estas alturas da charla esta xa vai por Irán. Como non van saír a protestar eses pobres se levan medio século baixo o réxime dos fundamentalistas? Os dos turbantes e as barbas. Talibanes! Si, talibanes como un concepto universal. Nin sunitas nin xiítas. Todos igual de talibanes. «Os do burka!». Porque alí hai moito machismo, non como aquí.

E levan todas as de gañar na conversa. Basta abrir o xornal ou poñer a tele para atopar imaxes das protestas en Teherán. De Caracas non fai falta nin buscar, xa nolo contan polas redes sociais. O de Honduras? «Iso é outra movida». Como a caza das balea.

-E o do Congo?

-O que do Congo?

-O de que España e Francia manobraron para que a Unión Europea non condenase as gravísimas violacións dos Dereitos Humanos do Goberno de Kabila por intereses comerciais?

-Bo, xa estades a malmeter. Se vos preocupásedes polos problemas de aquí…

-Ou polos de Venezuela, non si?

-Perroflautas…

-Ponnos outra copa.

Xa veredes, facede a proba. E contádelo no Twitter 😉

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail