A tropa de Alí Babá

No mundo, cada ano, móvese un billón de dólares para subornos e outros dous e medio son roubados, chegando a supoñer máis do 5% do produto interior bruto mundial. Nos países máis pobres, pérdense ata dez veces máis cartos por esta razón que os que se empregan para axudas oficiais para o desenvolvemento. Nacións Unidas, logo de analizar todos os aspectos que se derivan da corrupción institucional e política, considéraa como un delito grave que frea o progreso económico e social en todas as sociedades e que ningún país, rexión ou comunidade está libre dela.

Só 78 persoas, entre funcionarios e políticos, están na cadea en España por delitos de corrupción e outras 12 atópanse en prisión preventiva

Pero, socialmente, non semella estar mal visto e, de feito, asistimos, coma se con nós non fose, a un desfile interminable, fachendoso e cheo de acenos insultantes, de quen saquearon as arcas públicas e nos levaron a unha bancarrota ética e, tamén, económica. O informe sobre procedementos por corrupción do Consello Xeral do Poder Xudicial, de fins do ano pasado, reflicte que só 78 persoas -entre funcionarios e políticos- están na cadea en España por delitos de corrupción e outras 12 atópanse en prisión preventiva, pero sinala que hai preto de mil con causas abertas e máis de 17.000 cargos públicos aforados que non poden ser xulgados pola cobertura que lles dá a inmunidade parlamentaria.

Só unha sorte de atordamento colectivo pode explicar a insensibilidade social que amosamos perante semellante tropelía, coma se non tivese demasiada importancia que a corrupción se converta nun modo de vida favorecida e consentida desde os poderes político e económico. Ou mesmo aceptando mainamente que a Xustiza non sempre cumpra coa súa obriga de imparcialidade e de redundante exercicio de xustiza, e deixando en minoría a quen demanda pulcritude nos procesos, nos procedementos e nas sentenzas. Do mesmo xeito que non se aprecia vontade de expulsar do poder os gobernos -ou quitar do podio do glamour os empresarios- que a promoven e a practican mesmo sabendo o impacto que a corrupción produce na educación, na sanidade, na xustiza, na democracia, na prosperidade e no desenvolvemento, e a aceptación social da corrupción reflíctese nas enquisas e votación tras votación, deixándonos eivados individualmente e como pobo.

A lista faise aburrida -mesmo estando incompleta- con máis de setenta casos coñecidos pola opinión pública, a día de hoxe: Acuamed, Andratx, Arona, Auditorio, Las Teresitas, Bárcenas, Biblioteca, Bitel, Bomsai, Brugal, Cabalo de Troia, Camps, Campeón, Carioca, Carmelitas, Castellano, Catis, Cidade do Golf, da Construcción, do Lino, do Robledillo, Emarsa, Eólicos (Canarias e Castela-León), Eres, Faycan, Financiación do PP, Fitur, Funeraria, Garañón, Gürtel, Guateque, Ibatur, Imelsa, Inestur, Lasarte, Lezo, Líber, Madeja, Marchela, Mercamadrid, Nóos, Nueva Cartagho, Ópera, Orquesta, Over Márketing, Paláu, Palma Arena, Patos, Pikachu, Piscina, Pokémon, Porto, Pujol, Púnica, Pretoria, Rasputín, Scala, Tarxetas Black, Taula, Terra Natura, Tres por cento, Torres de Calatrava, Torrevieja, Totem, Túnel de Sóller, Turismo Joven, Studio Media, Umbra, Uniformes, Zeta…

Iso sen nos deter nese outro xeito de corrupción que son os paraísos fiscais e os seus numerosos e «prestixiosos» usuarios, auténticos ladróns de luva branca e traxe de deseño que pouco teñen que aprender dos ladróns dos tempos de Alí Babá.

Habería que darlle unhas voltas, non si?

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail