Vai haber que meterse nisto

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Este será un 8 de marzo para a historia, a das mulleres, a do feminismo e a do país. O de onte, é o éxito dunha convocatoria autoorganizada, xerada na diversidade do movemento feminista. Foi unha acción de unidade popular non partidaria, liderada dende o feminismo e que os partidos da esquerda e sindicatos apoiaron sen secuestrar. Unha acción que nos fala da capacidade mobilizadora das redes cando se retroalimentan dende os medios de comunicación. Da importancia do compromiso das mulleres que ocupan postos de liderado para a opinión pública cando deciden facer uso dese poder, e que deixa en evidencia a aquelas que o poñen ao servizo doutros intereses.

Agora toca pasar da indignación á acción. É a hora dos partidos, dos sindicatos, das organizacións de distinto tipo.

Unha acción que deixa tamén en evidencia os gobernos e a quen pretende ocupalos sen cambiar nada. A Alberto Núñez Feijóo, que en menos de 24 horas pasou de rexeitar a folga a facer unha foto coas funcionarias que pararon, prometendo medidas sobre corresponsabilidade que ben puido tomar nos nove anos que leva presidindo a Xunta. A Mariano Rajoy, a quen millóns de mulleres, e algúns de homes, lle berraron que si que é o «momento de meterse en esto». A Dolors Montserrat, que rexeita a etiqueta de igualdade, pero non ser  ministra de Servicios Sociais e Igualdade. A Albert Rivera e a Inés Arrimadas, que demostraron unha vez máis, aínda que non facía falta, que a súa única política é o oportunismo ao servizo dun ideario cada vez máis botado á dereita.

Agora toca pasar da indignación á acción. É a hora dos partidos, dos sindicatos, das organizacións de distinto tipo. A hora dos gobernos, da xustiza e os servizos públicos, das leis, os orzamentos e as prioridades. Para evitar que a indignación se transforme en desencanto e parálise. Para evitar a saturación de palabras por falta de feitos e antes de que peche esta ventá de oportunidade que abrimos na axenda política. Que vai pasar coa mellora das pensións das mulleres? Coa titularidade das explotacións agrarias? Coa revisión igualitaria das categorías profesionais? Coas medidas de atención ás vítimas de violencia? Coa retirada de subvencións ás escolas segregadoras? Con tantas demandas non atendidas porque sempre parecían secundarias, non importantes?

Hoxe é 9M e toca asentar, ladrillar, cementar este chanzo cara a igualdade que onte alicerzamos.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail