A Galicia esnafrada

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A palabra galega preferida do humorista Forges (Antonio Fraguas, dos Fraguas da Fonsagrada) era o verbo «esnafrar». A expresión: «Quedou esnafrado!». No uso xeral, significa «romper totalmente» ou bater de golpe moi forte con algo. Ten por sinónimo «esnachar», co que cadra un significado máis específico e tamén de uso moi popular: «Caer de fociños». Forges tiña esa intelixencia rebelde da ironía, o humor que apoia no corpo da liberdade da linguaxe. De aí que non me estraña que se fixara nesa verba. Vivimos nun Estado de cousas esnafradas, cos dereitos e liberdades caendo de fociños.

Agradezo a Forges este derradeiro agasallo verbal que vén de volta, porque por fin encontro a palabra para afrontar esa pregunta para a que non tes unha resposta aquelada: «E Galicia, como está?». Como non é cousa de botar un xuramento ou blasfemia, porque che pode caer de súpeto o 525 do Código Penal, eu nos últimos tempos utilizaba recursos irónicos, estilo: «Todo ben», «Infelizmente óptima!», «Nun contentamento descontente»… Ou unha solución digamos mariñeira: «Galicia está en stand-by!».

A verdade é que nunca ficaba moi satisfeito co diagnóstico. Era incompleto, superficial, impreciso, borroso. Mais agora xa topei, por mor de Forges, a resposta exacta, aquelada de luz como un lóstrego silábico:

-E como está Galicia?

-Galicia está esnafrada!

É unha palabra de substrato onomatopeico universal. Calquera entende. Non hai dúbida ningunha. Brinca crecha na punta da lingua. Se ti dis a alguén, francés ou chinés, «Quedei esnafrado!», pois verás como a ollada vai directa ao teu nariz. Fale galego ou non, calquera persoa en Galicia sabe o que significa «esnafrada». E mesmo a usa. Como non vai saber? O paso histórico que vivimos nos últimos anos foi do «Ir tirando!» a caer  nunha esnafrada colectiva. Mentres tiras, aínda tes algo polo que tirar. Mais da nada, da demouca, do baleiro, non podes tirar. Na Gran Esnafrada, o único que podemos facer é tirar as unhas dos outros.

O Decreto de Suicidio da Xunta, aquela «operación de falsa bandeira», está a funcionar como un lingüicidio. Nas grandes cidades o galego está ex terminis, como unha lingua do exilio

O colmo do esnafrado é que te esnafres adrede. Por esnafrarte. E iso é o que está a pasar co idioma galego. Coa perda da lingua. As cifras que se deron a coñecer estes días, con motivo do Día das Linguas Maternas, son para mirarse os fociños e esnachar outra volta de mágoa. O Decreto de Suicidio da Xunta, aquela «operación de falsa bandeira», está a funcionar como un lingüicidio. Nas grandes cidades, nas escolas públicas de educación infantil, o galego está ex terminis, como unha lingua do exilio. Está a diminuír aceleradamente a transmisión xeracional, que é o indicativo da extinción. Isto non está a ocorrer por causa natural. A lingua galega está a morrer de maltrato.

A esnafrada demográfica. A esnafrada financeira. A esnafrada ambiental. A esnafrada do desemprego. E a esnafrada da lingua, ese ben común que nos herdaron e que anda a morrer de fame nas beiras das escolas. A Gran Esnafrada.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail