Perdoa, pero son millennial

Dende que os sociólogos clasificaron as nacidas entre os oitentas e os dous mil como millennials, e a revista Time nos adicou unha portada en 2013 chamándonos egocéntricas e consumistas, levo cinco anos desculpándome.

Configuradoras profesionais dos perfís en redes sociais de toda a familia, somos as que entenden de forma «innata» como funciona todo o dixital, pero tamén somos as preguiceiras, as ni-nis, as adictas aos selfies e ao consumo. Dende a xeración dos baby-boomers, somos as primeiras en merecer unha clasificación propia, unha etiqueta para gobernarnos a todas, a pesar de que só en España haxa máis de once millóns das nosas.

E si, perdoa, pero son millennial. Sei comunicarme de xeito transmedia, aínda que ás veces o meu uso dos gifs semelle excesivo.

Gústame un iphone novo máis que respirar e fixen de Harry Potter un fenómeno literario que se converteu en película, parque de atraccións, tazas, roupa e todo o que poidas mercar en Primark. Pero tamén pertenzo á xeración con maiores problemas de inserción laboral. Somos as que para ser bolseiras precisamos chegar, mínimo, cun overpriced mestrado baixo o brazo, e ás que nos intercambian coma chicles grazas a bolsas nas que empresas, universidade e Estado firman un pacto co diaño alonxado da procura da estabilidade laboral. And we’re still standing.

O peor é que ser millennial nin sequera mola. Non é cool, cultureta, nin serve para sentirse diferente. Cando alguén nos acusa de millennial contestamos que peor son as máis novas, que as redes realmente non nos interesan tanto, que nós non usamos Snapchat ou que o noso non son vídeos con orellas de gato… MENTIRA. E se o facemos, que pasa?

Somos a xeración máis retratada do mundo, a que máis posturea, pero tamén somos as que comezan a alzar a voz. O próximo catorce de marzo, unha chea das nosas sairán das aulas na primeira da serie de folgas planeadas polo estudantado en Estados Unidos para protestar contra a non-regulación de armas en Trumplandia. O 2018 é, para nós, o ano ultravioleta, o momento no que o feminismo chegou por fin ás grandes pantallas e, por unha vez, triunfa. Somos a xeración que comeza a normalizar a integración dos colectivos LGTBQI e coroa como raíña do concurso televisivo do ano a alguén que recoñece que as mulleres tamén temos pelo e que non lle dá a gana de depilarse, ou que lle recrimina abertamente unha actitude machista ao seu mozo televisivo.

Somos a xeración das si-si-si, das que estudan, traballan e buscan un «traballo de verdade». Somos a xeración para a que marchar da casa é case tan improbable como ter un primeiro traballo sen pasar pola peaxe do «todo gratis».

Si, perdoa pero son millennial: e que? 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail