Longa vida ao MARCO!

Hai uns meses un amigo pintor, Din Matamoro, dixo que sobre o MARCO había unha nube. Sentiu un presaxio e fixo unha foto daquela nube. Si, desde logo tiña toda a razón… Sinto hoxe con desacougo que hai forte treboada. Un crítico de arte moi ben recoñecido, de fóra de Galicia, envíame unha mensaxe apocalíptica que vexo agora na pantalla: «MARCO está morto». Fiquei mudo, sentindo unha intensa dor na alma.

Vigo, nesta altura, debería estar á procura de sinerxías culturais no Arco Atlántico onde ocupa unha posición xeográfica ben axeitada. Vigo e Oporto, Fundación Serralves e MARCO representan dous bos referentes.

Espazo artístico, cultural e simbólico á procura dunha fusión galegolusitana.

Viaxaremos cara Oporto a sentir a vibración do novo, a procurarmos esa brisa de aire fresco da que falaba o inolvidábel Walter Benjamin e que só aboia na cultura máis inquieta, precisamente cando constrúe altermundos. O tempo pasa axiña e mesmo o urinario incorrupto de Marcel Duchamp cumpliu hai pouco 100 anos avellentando cunha certa dignidade.

Estamos a pedir ao Concello de Vigo que convoque un concurso aberto cun xurado independente. Non é posíbel un Centro de Arte Contemporánea sen director!

Todo reflicte descoñecemento da materia sensíbel que tenta deconstruír e xera evidentes danos colaterais (canto a turismo cultural, novas tendencias, sensibilidade aberta…).

O sector está a pedir un relevo profesional na dirección, manter a orientación cara a creación contemporánea. Gustaríame que o MARCO avance no seu camiño, medre e mellore. Para garantir o acceso de todos á cultura (no eido da arte contemporánea).

Cunha labor de sensibilización social e vinculada á comunidade na que se insire. Orientación que se percibe nitidamente na etapa do tempo último.

A sona dunha marca que vincula Vigo coa creación máis actual sofre risco de desvalorización. No seu momento tamén quixeran mudar o rumbo do Centro Galego de Arte Contemporáneo. Houbo daquela unha defensa firme dende o sector artístico, o que permitiu que a sociedade galega teña hoxe no CGAC un espazo clave para entender e sentir experiencias coa arte contemporánea. O do CGAC é un proxecto que coa axuda de diferentes directores e equipos foi consolidando con naturalidade, desde programas e criterios moi diversos, pero mantendo sempre ese ronsel suxestivo do contemporáneo e coas imprescindíbeis exposicións de tese e mostras retrospectivas de autores clave.

Calquera coñecedor do eido artístico pode aportar cando menos unha decena de nomes de profesionais que haberían facer un bo traballo. Permitiría superar este atranco e avanzar na transición do MARCO cara unha nova etapa, superando mesmo moitos dos logros acadados ata agora.

Por riba de lerias absurdas e desencontros incomprensíbeis está o MARCO como institución orientada á arte contemporánea.

Veño agora mesmo da feira de ARCO. A xente non acredita, todo o mundo está alarmado. Como pode existir un desatino así? Deriva dun descoñecemento do sector? Como pode perder pé unha cidade dese xeito? Preguntas as que non é doado atopar respostas sen un sentimento de loito no corpo. Unha dor indefiníbel pola perda dunha «marca» de prestixio que dotou a Vigo dunha visibilidade que agora pode esmorecer.

Coma no retrouso do grupo Siniestro Total: «¡Menos mal que nos queda Portugal!».

Atopámonos nunha situación crítica. O mapa da arte contemporánea en España pode perder unha valiosa peza. Estamos a pedir ao Concello de Vigo que convoque un concurso aberto cun xurado independente. Non é posíbel un Centro de Arte Contemporánea sen director!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail