39 chanzos con Norman Foster

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

En Madrid é imposible aburrirse. Claro que eu son de bo enredar. Despois de sete anos pisando asfalto pola capital teño marcados para as tardes de inverno certos lugares fav. Na Gran Vía, na mítica torre trazada por Ignacio de Cárdenas, está un deles:  Espacio Fundación Telefónica, un ámbito cultural cheo de vida.  

Desde este fermoso edificio falou Alfonso XIII co presidente dos Estados Unidos na que foi, en 1928, a primeira conferencia telefónica ultramarina; un fito recollido na serie Las chicas del cable, da produtora galega Bambú. Nesa ficción dos creativos Ramón Campos, Teresa Fernández-Valdés e Gema R. Neira, catro mulleres mozas viven romances, amizades e cambios sociais: tramas vestidas con curiosos detalles sobre a historia da telefonía en España, como o desenvolvemento do sistema rotary, na primeira tempada, ou a implantación das cabinas que mudaron o panorama físico e sentimental do país, na segunda. Os amoríos inventados nos corredores do inmoble xa pouco me interesan: son máis de imaxinar as pegadas reais que deixaron John Dos Passos, Ernest Hemingway ou Saint-Exupéry cando ían transmitir as súas crónicas desde o primeiro rañaceos construído en Europa.  

Norman Foster a carón da escaleira helicoidal do Edificio Telefónica de Madrid.

A escaleira helicoidal do Edificio Telefónica, onde dialogan cristal e aceiro, é un dos meus recunchos favoritos. Nela síntome unha diva do cinema clásico. Nela fun Escarlata O´Hara, con Andrés Perruca, o responsable de Contidos da Fundación, no papel de Rhett Butler. E nela vivín un encontro que superou todas as miñas fabulacións. Viña de visitar a exposición Norman Foster. Futuros comúns -fascinada por unhas infografías bestiais de Javier Tascón sobre a pegada da arquitectura de Foster no cine-, cando quedei sen respiración ao ver subir aqueles banzos ao arquitecto do 30 St Mary Axe londiniense, coñecido popularmente como The Gherkin (o Pepinillo). A asociación foi inmediata: aí había un «Enfoc/Arte».

En Match Point (2005), a primeira película de Woody Allen rodada en Londres, Scarlett Johansson compite en protagonismo co centro de traballo de Chris (Rhys Meyers), que o director de Manhattan filma desde dentro, un lugar inaccesible para os mortais. Aínda que Sharon Stone e David Morrissey si vagaron de vivos polos andares deseñados por Foster nesa encaldada de película titulada Instinto Básico 2 (2006).

Sharon Stone no interior do Guerkin nun fotograma de Instinto Básico 2.

O broker Russell Crowe xestiona dubidosas transaccións desde o rañaceos neofuturista da City na comedia romántica de Ridley Scott Un buen año (2006), na que ademais podemos admirar pinturas de Van Gogh ou esculturas de Rodin. A cinta é un paraíso de arte que entra tamén polo padal: a súa temática e as paisaxes de viñedos que fotografía obrigan a saboreala cunha copa de bo viño.

Na película de fantasía La brújula dorada (2007), de Chris Weitz,  descubrimos o Gherkin na viaxe ao mundo paralelo de Lyra Belacqua. De que o edificio apaixona aos cineastas temos máis pistas: en Harry Potter, en Thor ou nun dos carteis da saga Star Trek.

As infografías que acompañan este artigo foron creadas por Javier Tascón para a Fundación Telefónica.

Mesmo en series de éxito loce o vidro de cores da icona arquitectónica londiniense. A derradeira tempada de Skins non pode arrincar en mellor escenario, coa enigmática Effy Stonem (Kaya Scoledario) a camiñar cara o Gherkin. Os planos aéreos dese capítulo son o máis cerca que estiven do cumio do Pepinillo.

Pero o máis afouto foi James Hawes. O director de A invasión de Nadal (2005), un dos especiais da estupenda serie de ciencia ficción Doctor Who, atrévese a facer cachizas os cristais do edificio nun ataque extraterrestre de intriga se cadra non moi redonda, pero si ben entretida.

Parte de todo este rebumbio bailaba na miña cabeza cando quedei pampa ao ver a Norman Foster na escaleira do Edificio Telefónica. «Perdón, sobe ou baixa?», preguntoume. E o meu Clark Gable, Andrés Perruca, entre risas, respondeu: «Imposible sabelo: é galega!». Así que virei e remontei, a canda os dous, os 39 chanzos de volta á exposición.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail