Luzes para o camiño

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Xa sei que os optimistas somos sospeitosos e non temos moi boa prensa, pero gustaríame mandar neste primeiro artigo en Luzes, unha mensaxe positiva sobre o xornalismo. Sei que o momento é moi malo: a precariedade laboral é arrepiante, a meirande parte das empresas non teñen autonomía financeira e son monicreques do poder, non hai oportunidades para os máis novos, nin salarios dignos para os que levan anos traballando, pero hoxe quero manter a esperanza.

Este raio de optimismo veume o outro día vendo Os arquivos do Pentágono, a espléndida película de Steven Spielberg. A verdade é que os ianquis son únicos contando as súas fazañas, sobre todo porque neste caso o que fixo o The Washington Post foi «fusilar» unha exclusiva que xa publicara o The New York Times.

Na película reivindícase, moi ao estilo de Hollywood, que o xornalismo debe estar ao servicio dos gobernados e non dos gobernantes. E alí, sentado na cadeira, deume por pensar que esta profesión ten futuro namentres haxa un só xornalista honesto, disposto a contar o que o poder non quere que se saiba, e un editor e un medio que o apoien.

Esta profesión ten futuro namentres haxa un só xornalista honesto, disposto a contar o que o poder non quere que se saiba

Emocioneime lembrando as 72 horas que tiven o privilexio de vivir en primeira persoa na Cadena SER nos días do 11-M, cando un grupo de xornalistas xogouse o pescozo desafiando a versión oficial falsa do Goberno de Aznar para contarlle aos cidadáns o que realmente estaba a pasar e desmontar unha gravísima mentira de Estado. Lembreime tamén dos moitos compañeiros que se botaron ás praias para contar a verdade do Prestige mentres o entón vicepresidente Rajoy tentaba maquillar a realidade a seiscentos quilómetros de distancia na Moncloa. As praias non estaban esplendorosas.

Son plenamente consciente de que o panorama é moi preocupante porque, sen medios autónomos e fortes, os profesionais están desamparados, mal pagados e desanimados, pero tamén hai que salientar que cada día xorden novas iniciativas, sobre todo no mundo dixital, que abren xanelas e que  buscan o apoio e a financiación directa da opinión pública para ofrecer unha información plural, independente e de calidade. E é que sempre precisaremos Luzes para o camiño.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail