Feminismo e cotilleo

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Unha xornalista especializada dende hai vinte anos na problemática de xénero. Unha politóloga que traballa sobre o feminismo. Unha actriz militante nos dereitos das mulleres. Outra xornalista e avogada feminista. Estas mulleres foron as convidadas e protagonistas da semana no programa televisivo de cotilleo máis importante da Arxentina e da rexión toda. Nin divas, nin actrices, nin cantantes, nin a nova parella do futbolista do momento. O que ten audiencia neste país, neste verán, é o feminismo.

A Arxentina é un país un pouco surrealista. Pode protagonizar procesos políticos retrógrados e movementos populares pioneiros. E todo iso ao mesmo tempo. Só así, nesa identidade de extremos e de contrastes, pode entenderse que o programa de cotilleo máis famoso da rexión dedicase unha semana completa a falar de feminismo. A emisión titúlase Intrusos, leva máis de 16 anos na televisión arxentina, e cada tarde ofrece un menú ben presentado de berros e disputas, melodrama e choros en vivo, enganados, rabiosos, abandonados, maridos, amantes, futbolistas, millonarios, divas do espectáculo, rapaces con ilusión de celebridade. Se ademais hai algo de desnudismo, mellor. Se alguén insulta, bingo!

O condutor desta maquinaria diante da que xantan medio millón de persoas chámase Jorge Rial, leva máis de tres décadas de xornalista, é descendente de galegos e unha referencia da televisión anabólica: enche pero non alimenta. Na súa conta de twitter, é seguido por 3.670.000 persoas. Un chío seu é lido por máis xente da que vive en todo o territorio galego.

«

Son un machista en recuperación», dixo a semana pasada para explicar que a súa filla adolescente está mudando a súa ollada sobre o mundo, sobre as mulleres, e sobre a igualdade entre persoas. Ademais dese machista en recuperación, Rial é un animal da televisión, alguén cun talento singular para tomar o pulso á sociedade á que lle fala e detectar aqueles temas que a tocan. Esa ollada espelida detectou o feminismo.

De feito, o xornalista non fixo unha descuberta: as mulleres enchen as rúas en manifestación de a centos de milleiros dende o 3 de xuño do ano 2015 cando saíron a berrar «Nin unha menos» en máis de oitenta cidades do país. Coma nas matrioskas rusas, aquel movemento tamén naceu da forza que foron collendo os Encontros Nacionais de Mulleres, cada ano máis multitudinario dende hai trinta anos, cada vez espertando máis conciencias.

Pero, como explicaba a xornalista Tali Goldman, da plataforma de xornalismo feminista Latfem, ata que Rial encheu horas e horas do seu programa con este tema, a loita pola igualdade era limitada: «O que fixo metendo o tema en Intrusos foi popularizar o feminismo. Foi quen de romper ese nicho de clases medias, progresistas, universitarias no que tantas nos movemos. Por iso, o feminismo ten que ser popular, porque senón quedamos soas, falando entre nós».

Máis íntimo foi o relato dunha usuaria da rede do paxariño que lle contou a Rial esta historia: «Miña nai viu Intrusos toda a súa vida. Pode que se isto pasara hai dez ano, mentres o meu pai abusaba de min, a miña historia sería outra. Podedes irvos á merda aquelas ás que non vos gusta que se fale de feminismo nos programas que ven as marujas». Porque claro, a algunhas académicas non lles gusta o escenario do cotilleo para asuntos tan serios.

Con todo, foi nesa emisión da tarde, esta semana que a politóloga María Florencia Freijo, especialista en Xeopolítica Latinoamericana e en Dereito internacional ambiental explicou ás marujas que é o feminismo. Ademais, mostrou con exemplos de todos os días, que o patriarcado implica que elas laven a louza e non cobren por iso, e que eles gañen máis que as súas compañeiras. Que o paro chegue máis ás mulleres que aos homes e que cada vez que sube o prezo do bus, son elas as máis prexudicadas.

Dous días despois, a xornalista Luciana Peker explicou nese mesmo plató a importancia do que estaba a pasar: «A Arxentina é pioneira na defensa das mulleres neste momento. Pero ata agora, a televisión do país daba as costas a esta loita. E aquí, cando a televisión é aliada, fanse os avances. Pola contra, cando a televisión é conservadora, fainos retroceder nos dereitos». Rápido, Rial non deixou pasar a oportunidade e respondeu, mirando á cámara: «O próximo debate, e eu ofrezo este espazo, é a legalización do aborto. É hora de dar esa discusión porque implica unha discriminación de clase, de cartos, e moitísimas mulleres morren por isto».

Si, na Arxentina surrealista, abortar é ilegal. De xeito que só o fan as que poden pagar por boas prácticas sanitarias e, sobre todo, por silencio. O resto, as pobres, morren. Tres mil ao ano. Quen sabe, agora que Intrusos vai falar disto, pode que algo cambie.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail