A sanidade soíña

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Logo da masiva manifestación en defensa da sanidade pública do domingo 4 de febreiro anunciou Pedro Puy, o voceiro Popular, que estaban desexando ter un debate con cifras e datos enriba da mesa arredor da reforma da Lei da Sanidade de Galicia. Hoxe seguimos esperando e non ten pinta de que ese debate serio e a fondo vaia suceder mañá. A dereita sempre se quenta e ameaza con calarche a boca con números e datos se lle levas a contraria, pero logo pasáselles o arrebato, lembran que non lles cadran as contas e, en vez de machucarte cos números coma prometeran, bótanche á cabeza argumentos tan traballados coma que estás facendo política coa sanidade; coma se eles estiveran facendo filloas ou arte e ensaio.

Por sorte para iso estamos nós, a prensa libre; para iluminar con números o debate e non só repetir coma loros o que din uns e outros. O primeiro que nos repiten é que gastamos moito en sanidade e ese gasto é insostible. Pero os datos din outra cousa. Andamos polo 10% do PIB, o noso gasto en sanidade está na media dos países cos que nos gusta compararnos, coma Alemaña ou Reino Unido, e mesmo por debaixo de potencias coma os EUA e países igual de envellecidos ca nós coma Italia (12% do PIB). Dicir que investir en sanidade un de cada dez euros do gasto total non é sostible é o verdadeiramente insostible.

O segundo que nos contan é que hai que buscar modelos de xestión mais eficientes e apostar polas fórmulas privadas ou de colaboración coa privada porque o privado é mais eficiente. Pero os datos tampouco lles dan a razón. Son, precisamente, aqueles países onde dominan esa formulas os que máis gastan e peor sanidade teñen. O caso dos EUA, o paraíso dos seguros médicos, resulta paradigmático: gastan case o dobre ca nós (18% do seu PIB) e os seus indicadores sanitarios son un desastre.

Tamén nos contan que se fai para aforrar custos de xestión. Pero o certo é que non se aforra reducindo áreas sanitarias e concentrando especialidades. Só se lles transfiren os custos aos usuarios que teñen que desprazarse e pagar cos seus cartos e o seu tempo para ser atendidos en peores condicións.

Coa escusa da crise aquí fixéronnos afrontar dous rescates a conta dos nosos impostos e das políticas de recortes e sufrimento masivo: o rescate da banca, que é o mais famoso, e o máis discreto e o encuberto rescate dunha sanidade privada que, a pesar de todas as axudas, concertos e beneficios fiscais, probouse incapaz de ampliar os seus mercados por riba do 2% do gasto que sempre tivo. A razón é simple: é mais cara e é peor que a pública e a xente sábeo: sete de cada dez usuarios escollen un centro público antes que un privado para a atención primaria, a atención hospitalaria ou as urxencias (Datos CIS 2014). A sanidade pública golea sistematicamente á privada en todos os indicadores de calidade médica e asistencial, a privada unicamente gaña como servizo de hostalaría.

Para salvar o negocio do banca privada acabaron coas caixas. Para salvar o negocio da sanidade privada estase hipotecando a sanidade pública. Esta película xa a vimos. Levámola vendo dende que comezou a Gran Recesión. Esta lei responde a unha estratexia e segue un modelo de desgaste do público: deteriorar, descapitalizar e finalmente desmantelar un servizo público para asegurar a demanda e os ingresos dos provedores privados.

Deteriórase o servizo sanitario reducindo áreas e especialidades, descapitalízase apostando pola precariedade e o fetichismo do déficit antes que pola calidade, e finalmente desmantélase concertando coa privada antes que dotar de recursos e persoal a pública. É certo que esta lei non vai privatizar a sanidade pública mañá, pero pono mais fácil para que se faga cando toque.

Se a oposición tivera dedicado á sanidade a metade de tralla que leva dado coa estéril transferencia da autopista AP-9 ou coas súas leas internas, ao mellor non tiña que ter esperado á manifestación do domingo para enterarse do que ben sabemos os seus usuarios: que a sanidade galega está baixo asedio e co inimigo dentro. Dende que comezou a crise O Noso Alberto aplícalle á sanidade pública galega unha política da terra queimada: arrasar e botar sal para que non poida medrar nada cando se vaian. É coma no cantar que lembra a aquela María que queimaron por bruxa «Ai que soíña quedaches, sanidade pública, sanidade soíña».

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail