Galego nos medios todos os días

O galego nos medios xa ten o seu día, como os calcetíns perdidos (9 de maio), os OVNI (2 de xullo) ou o Nirvana (15 de febreiro). Cada vez máis difícil de atopar, avistar e conmemorar, a data escollida pola Asociación de (escasos) Medios en Galego (AMEGA), o 7 de febreiro, quere homenaxear O tío Marcos da Portela, a primeira publicación periódica monolingüe en galego. Impulsada por Valentín Lamas Carvajal, esta cabeceira nada en 1876, inicialmente quincenal e despois semanal, chegou a tirar 4.000 exemplares.

«Nas últimas décadas os estudos científicos constatan o importante descenso no uso do galego, en parte, porque non hai medios, nin ferramentas que estimulen, apropiadamente a súa normalización», afirman desde AMEGA, que reclama o cumprimento do artigo 19 da Lei de Normalización Lingüística que establece que «O Goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo». Denuncian así a discriminación que sofren os medios escritos na lingua do país fronte aos que o fan en español.

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se publican as axudas concedidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.
RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se publican as axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.

A resolución das últimas subvencións para medios integramente en galego suma 197.000 euros. As destinadas a medios xeralistas superan os 1,6 millóns. Unha diferenza inaceptable tendo en conta que ambas liñas de subvención comparten o mesmo obxectivo, que non é outro que apoiar a difusión de noticias en lingua galega. Inaceptable, sabendo que os medios escritos en castelán apenas lle ceden un 8% do seu espazo ao galego. Inaceptable, por impedir o acceso ás axudas aos medios dixitais que carecen de impresión en papel e inaceptable, se lle sumamos a política arbitraria da publicidade institucional e a clamorosa ausencia dunha lei que a regule.

Entre os medios monolingües o reparto tamén é cuestionable. E non só porque unicamente está contemplada a prensa escrita impresa, e non a dixital. Reciben máis ou o menos o mesmo Sermos, un semanario de difusión en toda a comunidade, con xornalistas en plantillas e que supera os 20.000 seguidores en Facebook e Twitter, que tres publicacións gratuítas que edita en Ourense Letras a la Carta, S. L. (Barrios deportivos, Barrios e Ourense por barrios). E máis curioso é o caso de Xornal Galicia Norte A Coruña, Xornal Galicia Sur Pontevedra e Xornal Galicia Sur Ourense, que roldan entre os tres tamén os 30.000 euros. Só o último pertenece publicamente a Adelaida Domínguez Mariño, pero as empresas editoras dos outros dous,  Grupo Asesor Márketing Publicitario (Xornal Pontevedra), cuxo obxecto social é a promoción publicitaria, ten como administradora a Adelaida Domínguez Mariño; e  Xornal Galicia Norte A Coruña S.L., (obxecto social: «Construcción, instalaciones y mantenimiento. Comercio al por mayor y al por menor. Distribución comercial. Importación y exportación. Actividades inmobiliarias. Actividades profesionales. Industrias manufactureras y textiles») ten a mesma administradora e socia única. O último tuit de Xornal Galicia Sur data de xullo de 2017. Pero se hai un caso digno de estudo ese é o do que ten protexidos os seus tuits (?). As seccións de edición impresa e hemeroteca só se poden consultar (polo menos hoxe) no Xornal Pontevedra e nos outros dous non están operativas. É dificil de entender o criterio polo que reciben o mesmo, en conxunto, e mesmo por separado, en comparación con outros medios.

A revista Luzes fomos excluídos da primeira convocatoria á que se presentou (2015) por considerar a Secretaría Xeral de Medios que o número dobre de verán (150 páxinas) non contaba como tal, e polo tanto só editara 11 ao ano. Nas convotorias seguintes xa se especificaba que eran 12 volumes os que se precisaban editar para optar a subvención. En 2016 recibimos 7.572,36 €. Na convocatoria de 2017 fomos excluídos por un erro administrativo noso.

No seu informe de 2013, A crise dos medios en galego, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia enumeraba as cabeceiras desparecidas entre 2009 e 2011: Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, GZ Nación e Xornal de Galicia. O documento pon de manifesto que «A partir de 2009, a conxunción de múltiples factores, algúns comúns a todos os medios: crise económica, crise dos soportes impresos… e outros que afectaron só a estes medios (como a diminución das achegas das administracións públicas galegas) provocan o peche sucesivo de numerosas cabeceiras». Tras el non é aventurado dicir que a nosa lingua sufriu un retroceso. Porque como afirma o CPXG, «A existencia de medios de comunicación en galego é requisito indispensable non só para o mantemento da pluralidade informativa na nosa sociedade, senón tamén para a propia supervivencia do idioma». Celebremos que seguimos aquí e porque non sexa un, senón todos os días dos medios en galego.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail