Campo de nabos

O nabo é moi galego. A nabiza, nin vos conto. É o ingrediente fundamental de moitos dos nosos pratos -eses que reviven os mortos despois dunha noite de esmorga-, e culpable único de que nesta terra lle teñamos un amor incondicional. Quizais sexa por iso que moitas persoas (aquí e no resto do Estado) non encaixaron ben o comentario de Leticia Dolera nos Premios Goya.

«Estavos quedando un campo de nabos feminista precioso», contestoulle a un dos presentadores, Joaquín Reyes, quen acababa de interpelala cunha cortesía paternalista tamén moi preciosa. Todo o mundo captou que eses nabos non tiñan ningunha connotación positiva, agrícola nin gastronómica.

Malia os aplausos e as gargalladas dos presentes, o comentario da actriz e cineasta non agradou a un amplo sector da televidencia e a twittervidencia. Houbo quen o considerou inapropiado, desagradable, tosco. Que non era o momento nin o lugar (dende aquí, un saúdo especial para Arturo Valls).

Outros opinaron que estaba todo preparado, que era unha peza máis do show. Estes últimos tiñan razón. Pero a ningunha desas persoas se lle ocorreu pensar que, preparado ou non, o discurso de Leticia só foi coherente.

Se a coherencia é unha relación harmónica, que unha das feministas máis destacadas do cinema español critique unha gala orquestrada por homes só pode ser un acto coherente. Sobre todo porque, un ano máis, unha folgada maioría de persoas nomeadas nas categorías mixtas volveron ser homes. 

A «impertinencia» feminista continúa a ser necesaria no momento que admitimos o abano vermello de #MásMujeres no photocall, pero non a reivindicación en voz alta que sinala e denuncia a desigualdade de xénero.

Cando rimos dos chistes egocentripirolísticos de Ernesto Sevilla, pero non da marabillosa construción gramatical que supón o cam-po-de-na-bos-fe-mi-nis-ta-pre-cio-so.

Cando, malia representaren a minoría das nomeadas, varias mulleres levaron premios gordos, e aínda así hai quen sostén que Carla Simón, Isabel Coixet, Saioa Lara ou Laura Ferrés foron galardoadas por unha cuestión de cotas. Ou sexa, por teren cona. Iso si que é impertinente.

Tan grande é o problema dos campos de nabos que, se voltamos a ollada cara a nosa terra, resulta que non só se fai necesario que nos poñamos «repunantes» cos Goya. Porque Galicia tamén é un campo de nabos, máis alá do sentido literal. Só hai que ver o xénero das estatísticas do paro, as conselleiras, as parlamentarias, as premiadas literarias, as científicas e as dos María Casares. Ou a composición da Real Academia Galega. 

Sorte que temos a Sés, Tanxugueiras, Voodoo, De Vacas ou A banda da loba nas salas de concertos. A Emma Lustres, Mabel Rivera, Isabel Blanco ou María Mera diante e detrás das cámaras. A Vero Boquete ou Sofía Toro no deporte. A Marilar Aleixandre, Chus Pato, Yolanda Castaño ou Luz Pozo nas letras. O humor de Isabel Risco. A habilidade comunicativa de Fernanda Tabarés. Elas, que nos reivindican co seu labor, fan por todas nós o traballo que os gobernantes non queren facer.

Di Arturo Valls que o talento non ten xénero. Eu digo que os campos de nabos non teñen fronteiras.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail