A diáspora que nos virá

Xa non se leva denunciar a situación das persoas refuxiadas que seguen sufrindo igual que hai un ano, e case que dous, porque alguén decidiu que xa non son noticia. Porén, o terrible inverno setentrional resulta devastador para milleiros de seres humanos atrapados en novos campos de concentración ás portas da Unión Europea, protagonistas dunha nova diáspora que responde ao concepto da transmigración, definida nos dicionarios como a emigración a outro país, especialmente de todo un pobo ou de gran parte del.  En setembro cumpriuse o prazo de dous anos que a UE preveu para que os Estados membros se fixesen cargo de 160.000 refuxiados, pero só foron reubicados e reasentados algo menos de 28.000. Destes, tan só once son os que Galicia foi quen de recibir. E non por falla de fondos pois segundo o Consello Europeo de Relacións Exteriores (ECFR), dos 6.000 euros que a UE dá por persoa e ano, o custe real de acollida dunha persoa refuxiada entre nós é de 3.300. Pero nin así…

Tampouco se leva falar doutro andazo, o dos lumes que cabalgan apocalípticos, pero só hai que viaxar polos territorios queimados en outubro pasado para que nos saian ao paso fantasmagóricas arbóreas calcinadas, coma zombis en pé, reclamando non ser esquecidas en quilómetros de fragas carbonizadas… E como esquecer as consecuencias dos lumes de hai un mes, en California, que asolaron unha superficie equivalente ao estado de Nova York. Ou ignorar a advertencia recibida nun recente informe da Universidade de Oxford de que para 2050 haberá millóns de transmigrantes por mor do cambio climático. Pero xa non é noticia.

Non está de moda reparar nos dereitos humanos. Nin nos de sempre, nin nos novos, como os medioambientais. E porén, se de algo podemos estar certos é de que entre as futuras vagas de transmigrantes climáticos que se aveciñan estarán os nosos descendentes e Galicia será, máis unha vez, terra de Diásporas. Podemos elixir entre que nos sigan baleirando a cabeza e nos reprogramen a vergonza, ou esforzarnos en manter os ollos abertos e a mente clara. Mesmo sabendo que o que máis gusta por aquí é identificarse coa consigna daquel supermercado que asegura saber en que consiste vivir como galegos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail