Xa non chove como chovía

Xa non chove como chovía. E non se fala diso. Agora mais que choiva ambiental, constante, melancólica… haiche, aquí en Suevia, chuvascos. Isto ponme moi nervioso. O mellor que me pasou na miña vida foi ser o autor accidental dunha canción co retrouso «Fai un sol de carallo». Era un sarcasmo sobre o clima. Nunca che me interesou moito. Se nos devolvesen aos habitantes de Suevia o tempo secularmente investido en falarmos do clima, con esa enerxía toda recuperada, seriamos unha potencia. Con ese tempo de conversa nihilista (xa o faciamos antes de que existisen os ascensores ou as salas de espera) cada galleguito poderiamos, por exemplo, ter estudado chinés e o galego estaría en menos risco. Tamén podería pasar o mesmo coa enerxía estragada polos camareiros galegos do café Tortoni de BS AS en memorizar comandas de cantos máis clientes, mellor (por que non anotar nun papel?) ou co know how empresarial dos narcotraficantes. Paradoxais autodesafíos. O clima, cando está ocorrendo, xa non ten solución. Teno a medio e longo prazo. Pero non se fala moito, entre nós, do cambio climático. Eu visualicei o cambio climático en Grenlandia. O noso guía, Larramendi, cando nos mostraba un glaciar, indicábanos o retroceso do xeo no último ano. Pero o cambio climático non é so cousa do Ártico ou da Antártida. Hai cambio climático na Laracha ou en Mondoñedo. Xa non chove como chovía. Putos chuvascos sobrevidos. Por que non falarmos diso e anticipármonos á historia e á Apocalipse? Este ano Suevia ardeu en outono polo cambio climático. Eu, xa non digo que a cada galleguito se nos anticipe o calculo das nosas pensións en bitcoins. Falo de evitar o desastre evidente. Non sei de onde saen tantos días de sol ou tantos chuvascos que substitúen aquela nosa choiva cromosomática e antropolóxica.  Tamén escribín outra canción que se chamaba «Brigadas Anti-Clima». Non se me fixo caso. Agora serían brigadas anti-incendios. Adoitaba dicir que viviamos no país co mellor clima de mundo. Tampouco sabía, se me preguntabas ás seis da tarde, o clima que fixera durante o día. E agora, xa ves, fodido polos chuvascos que torturan o meu esqueleto fracturado e invadido de titanio.

Fagan algo. Fagamos. A política ten que ver a vida. É que ata os xestores das mareas políticas esqueceron que as mareas son o fenómeno máis variable da natureza. Unha onda nunca é igual á outra onda.  A marea chea de hoxe non é a mesma que a de mañá. Así che nos vai. Xa nos pasou, en Suevia, cando coa autoestrada nos quitaron as curvas. A nosa dialéctica de resistencia foi abolida polo pseudoprogreso.

Máis ca grupos parlamentarios propios, precisamos brigadas anti-clima.

É a loita final.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail