A lección universal de Castelao

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

No seu día foi un erro a «volta» do Castelao defunto. A traída dos restos dende o camposanto da Chacarita, en Bos Aires. O seu lugar era aquel derradeiro repouso do exilio, no país onde foi acollido. Mesmo para non ser esquecido. Hoxe sabémolo. Onde está soterrado Castelao? Moita xente, nova e vella, non o sabe. Xace no Panteón dos Galegos Ilustres, mais ese lugar hoxe está custodiado pola Igrexa católica. A visita non é doada, ao contrario. Require toda unha tramitación da que Castelao podía facer unha obra cómica mirando dende o alén cun ollo de vidro.  

Castelao, como Rosalía, están pechados baixo chave clerical. Un lugar como ese non debería ser un predio triste. Foi pensado para honrar e avivar a memoria, como un almeiro de encontro entre xeracións.  Un libro aberto e non un mamotreto, un libro sepulcral. Mais a realidade é que para facer un acto en honra dos que alí están… hai que pedir permiso ao Arcebispado de Compostela!

O cadaleito de Castelo na costa de Bonaval camiño do Panteón de Galegos Ilustres.

Isto vén a conto, en parte, pola polémica encol do cadro A derradeira leición do mestre. É de celebrar que se traia a Galicia para ser exposto durante un tempo. Xa se discutiu dabondo sobre a pertenza e son dos que pensa que esa obra estarrecedora, esa mostra de loito universal, denuncia do crime de lesa humanidade, está no lugar de Galicia onde debe estar: o da diáspora, a patria portátil do exilio e a emigración.

Mais é unha sorte que viaxe, como non, á Galicia territorial. O que xa non entendo é que esa exposición estea limitada ao Gaiás, na malfadada Cidade da Cultura. É unha autolimitación absurda por parte da Xunta. Non é o lugar precisamente máis suxestivo, nin no aspecto práctico nin simbólico. En fin, que aló vaia a obra mestra a construír un pouco semellante deconstrución. Pero A derradeira leición do mestre debería percorrer e ser exposta nos principais museos das vilas galegas, a comezar polo de Pontevedra. E que esas xeracións que teñen dificultado o libre acceso ao Panteón de Galegos Ilustres poidan encontrarse diante dese silandeiro berro universal que pintou Castelao.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail