Feijóo2018 succesion tour

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Non foi posible que parara quieto. Parecía que aprendera, pero coma aos malos estudantes fáltalle regularidade. A pesar dos avisos da xente que lle queremos ben sen que nos subvencionen por facelo, o peitolobo que leva dentro puido máis. Xa temos a «Feijóo2018 Succession Tour» disparada. Logo de abrir as augas do mar sucesorio na capital do Estado e lucir figura no Foro coma levaba anos sen facer, aló vai cara á terra prometida coma un cruzado á conquista do Xerusalén dos investimentos. En Israel non se acaban de crer a sorte que teñen: primeiro Donald Trump e agora O Noso Alberto, un festival de liderado e á porta mesmo da casa.

Lanzar a «Feijóo2018 Succesion Tour» tan cedo non é intelixente pero é humano. O cheiro a sangue que chega dende Madrid envolve todo de tal maneira que é fácil pensar que estás nun episodio de Xogo de Tronos e a sede de Xénova do PP é King´s Landing. Custa manterse estrito na observancia Mariana. Non é doado lembrar que o silencio é a mellor virtude do sucesor cando todos os que levan trinta anos intentando matar o presidente te animan e aplauden coma o home que matará a Liberty Rajoy. Pero xa que se mete, O Noso Alberto deberá de facelo evitando repetir os erros que lle custaron as fotos con Marcial Dorado e catro anos de silencio.

Ir a Madrid a dicir que é unha perda de tempo falar da sucesión e que o presidente fará o mellor para o partido na semana seguinte de que O Noso Mariano dixera que se quere presentar é un erro. Dáse en Primeiro de Sucesións: non se corrixe ao líder. Outra cousa, se o líder che confía como pensa escenificar a súa retirada, non se publica. Non ves que cho contou para ver se sabías estar calado? Proba non superada.

Ir a Madrid a dicir que hai que recuperar os votos pero «no contra Ciudadanos» é fácil cando gobernas en Galicia e Ciudadanos non existe. O difícil é dicilo cando gobernas con eles en Madrid e che están todo día metendo o dedo no ollo. Non se discute a estratexia dos compañeiros de partido para problemas que ti non tes; caes mal.

Se en Madrid che preguntan se estás disposto a dar o paso non te fagas o galego cando intentas suceder a un galego que fai de galego mellor ca ti. Non caias no tópico para turistas do dicir que depende; aprende os teus límites.

A oposición, que entra a todos os trapos como o touro de pipas Facundo, xa se lanzou a condenar a viaxe de O Noso Alberto por terras de Israel. Lonxe de festexar a irmandade destas dúas superpotencias do I+D+i mundial critícanlle que escollera un Estado tan polémico ou que se lle foi perder alí. A min, pola contra, paréceme que esta escolla é o mellor do arranque do «Feijóo2018 Succesion Tour». Non hai metáfora mais poderosa ca de Moisés guiando ao seu pobo até a terra prometida por Yhavé a Abraham, igual que O Noso Alberto nos guía para acadar a sucesión que lle prometera… ou non O Noso Mariano.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail