Elites, as de antes

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Non durou un ano Antón Arias Díaz-Eimil á fronte da patronal galega. Poucos daban un can por el desde que dixo que a reforma laboral non servira para nada (para nada bo), que había que subir os salarios (aínda que logo as autoridades económicas concordaran nesa opinión) e, sobre todo, cando dixo que Cataluña debería poder decidir que quería ser de maior. Non o botaron por iso. Ou non principalmente por iso.

Se a Antón Arias o botasen por rojo perigoso, tería enfronte unha oposición de signo contrario, conservadora, non necesariamente coherente en todo, pero si na conformación dunha alternativa: ese clásico de «o que sexa e quen sexa, menos que sexa este». Non obstante, ao presidente da CEG non o tumbou a reacción da reacción, por dicilo claramente e sen medo á redundancia. Non houbo unha pinza da Construción e o Metal, ou unha fronte común Pontevedra e Ourense. Foise por falta de apoios e/ou farto, por moito que cada medio local venda que a súa respectiva patronal era a agraviada.  Máis fronte a el non queda nada, ou queda máis ben o de sempre. Unhas organizacións non sei se representativas (iso saberán os representados), pero que mellor non o sexan, se ese é o nivel. É máis doado seguir os ires e vires da política de alianzas, encontros e desencontros de Xogo de tronos que os da Confederación de Empresarios de Galicia. Se nela houbese vodas, non teñan a máis mínima dúbida de que serían igual de animadas que as que teñen lugar na serie de HBO, pero con marisco. Se un sindicato –que non fose norteamericano―  tivese a porcentaxe de líderes imputados ou presos que teñen as organizacións patronais españolas, nestes momentos sindicarse sería ilegal.

Non hai que mirar o pasado. Xa dicía Oscar Wilde que o seu único encanto era que era o pasado. Pero as elites, os poderosos, antes eran outra cousa. Entendámonos. Os cartos e o poder en cantidades respectables (quero dicir considerables) amásanse como se amasan (falo dos sistemas dentro da legalidade vixente). A diferenza, en todo caso, é o que se fai con eles. Pedro Barrié, ou José Fernández López (o fundador de Pescanova) por falar de dous capitáns da industria con semellanzas e diferenzas posiblemente non sexan santos da devoción de ningún de vostedes, pero calquera análise desapaixonada podería atopar méritos que poñer no outro prato da balanza,  e estaban integrados neste sociedade, para o malo e para o bo, por moito que soubesen , como dicía ―outra vez― Wilde, que non había ninguén tan rico que puidese mercar o seu pasado. Porén, os grandes empresarios de hoxe, polo xeral o único liderado que asumen é o que ten como obxecto asegurar o seu propio medre, sexa aquí ou acolá. Quizais sexa unha impresión miña, ou quizais, como advertía Arthur C. Clarke, o pasado non é o que adoitaba ser.  Agora, nin explotar con xeito saben.

 

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail