Era un cruiser

«Son un cruiser! Vexo que es sexy e doce, unha cita quente sería unha ledicia» Así cantaban xa a finais dos 70 Village People. Hoxe o cruising esmorece a mans das app, pero aínda morrendo ofrécenos hoxe en Galiza momentos ben galanos.

Veciños próximos á área de descanso da AP-9 en Vilaboa (Pontevedra) protestan porque algúns homes andan a fornicar por aquelas contornas. A nova, pese a saltar ás portadas do Diario de Pontevedra, non tivo máis repercusión que a local. O xornal fixo unha magnífica cobertura, coas opinións do alcalde, veciños, camioneiros que decote paran por aló, incluso con referencias a unha xuntanza coa subdelegada do Goberno parar falar do asunto.

Tamén os protagonistas, os usuarios, os fornicadores en cuestión, tiveron o seu papel nas reportaxes: pedían respecto e que a cousa non se convertese nun drama. A axenda informativa local estivo eses días divertida.

O certo é que o cruising (encontros sexuais espontáneos entre descoñecidos que se apetecen) acontece nesta e noutras áreas de descanso do país desde que existen tanto a AP-9 coma a A-6, amén doutra decena de lugares ao aire libre en todo o país que cada interesado coñece perfectamente e frecuenta en máis ou menos ocasións.

Hai escenarios realmente espléndidos como edificios abandonados, canaveiras, polígonos ou urbanizacións agardando ser ocupadas, escenarios do amor furtivo, mais non necesariamente sórdido ou arrepiante, como algunha mirada pouco informada podería concluír.

O código para ligar é moi sinxelo: mólache?, estimúlache a libido? Actúa. Coa mirada, con algún xesto, co sorriso… Cada un coas súas habilidades é quen de poñerse en marcha para un momento sexual máis ou menos breve —aínda que ás veces pode durar horas— e incluso derivar en tríos ou orxías.

Porque o primeiro que se estimula nos lugares de cruising é o respecto: atracción mutua, adiante. Algo non cadra coas túas expectativas, retirada. É o código máis frecuente, aínda que todo hai neses bosques. Algúns que non aprenden, que non queren entender ou que simplemente teñen esa mala baba primitiva que os achegan máis aos cans que ás persoas. Por fortuna, estes últimos son unha rotunda minoría e os máis acoden para encher de pracer o seu corpo, pola vía que cada un escolla, pero con educación e as axendas mentais desprovistas de amargura ou represións.

Certo é que a algunhas persoas non lles importa que os miren mentres foden. Corpo contra corpo, o home ante o home, coas súas intimidades en alza, entregadas a ese momento feliz, son moitos os que funcionan igualmente ante espectadores que participan coas súas masturbacións desde unha certa distancia. Outros non o permiten. Cun leve xesto, indican aos interesados que prefiren gozar sós.

Hai quen se achega ao cruising simplemente a gozar dun momento intranscendente. Persoas que experimentaron un antes e un despois na súa vida porque alí atoparon o seu compañeiro de aventuras ou de cama. Os que simplemente van de paso e fan calquera bixutería case sen baixar do coche. Pais de familia que escapan dunha tarde-noite doméstica e anódina a procurar un canivete entre as árbores. Colegas de vida heterosexual que se citan neses xardíns das ledicias para beber do cáliz prohibido da luxuria. Deportistas que tras o adestramento e os machirulos saúdos cos colegas, van comer e rebentar algún cu desexoso a calquera deses lugares. Hai quen fixo do cruising o seu modo de vida e forma parte do seu ocio como pode ser xogar á Play, ver fútbol ou ir de cañas.

Hai un par de décadas, o cruising practicábase no centro das cidades. Méndez Núñez na Coruña, o Náutico en Vigo, as alamedas de Ourense e Pontevedra, a Ferradura en Santiago, o Cantón de Molíns en Ferrol ou o Parque Rosalía de Lugo eran os puntos cardinais desta Galiza golfa. Sempre sen facer ruído, a medida en que todos ían tendo coche, estes lugares foron trasladándose a espazos non urbanos.

Hoxe, o cruising está en franca decadencia, morrendo grazas ás apps de contactos que permiten citas en domicilios, en lugares afastados do monte, en moteis ou en calquera outro lugar. Iso si, coñecerse para comerse vivos xa non ten o engado do azar presencial, senón a partires de intercambio de fotos e preguntas significativas. É outro xeito imposto polos tempos e a tecnoloxía

Con ser lugares moi discretos e tirando a escuros, os do cruising non son sitios perigosos, alomenos en Galiza. Todos temos na memoria o asasinato de Passolini nunha área romana. El, que xogara cunha lascivia tan elegante e que tocara o ceo con escenas de sedución tan propias desta linguaxe erótica, levouno por diante un cutre chapero asasino, aínda que nunca se deu aclarado se non sería unha conspiración da Italia máis conservadora, á que tanto afibelaba cos seus ollos comunistas.

Por moi perigoso que pareza, en lugares de tan alta seguridade pública como o noso país, o cruising é unha práctica limpa e que non xera conflitos relevantes. Non se rexistran sucesos, a xente vai confiada e desfruta do seu momento sen maiores tensións, agás as que derivan do candor das relacións entre persoas libres que van ao que van.

As forzas de seguridade pública, nomeadamente a Garda Civil e as Policías Locais, coñecen esta práctica e os lugares nos que se desenvolve, sen dúbida. De feito, son moi escasas as incursións de policías neses espazos de liberdade sexual nos que non se comete delito ningún, xa que non hai lei que prohiba aos amantes bicarse, rozarse, penetrarse ou adorarse en calquera lugar, mentres non supoña unha exhibición provocadora. Con todo, algúns roces, como os que denuncian os veciños de Vilaboa, pode que se teñan producido, se ben de xeito involuntario.

Os usuarios do cruising falan do asunto como unha polémica «cociñada ao calor dos crucifixos», en alusión á represora conducta moral da igrexa no que atinxe á sexualidade, e recomendan aos veciños que se tranquilicen e asuman que é un lugar illado, discreto e axeitado para estas prácticas. Como os veciños dixeran ao Diario que «incluso os nenos e mozos da parroquia teñen que convivir con isto», recoméndanlles «deixar de educalos na ignorancia e falarlles con naturalidade do que son as relacións sexuais entre persoas adultas». Sería un magnífico camiño para abordar o feito sexual sen andrómenas, hipocrisía e dramatismo, educando na normalidade e na naturalidade das relacións corporais.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail