A Xunta e Fomento volven ao lugar do crime

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A tentación de volver á escena do crime próbase unha vez máis irresistible. Apenas semanas despois de que O Noso Mariano e O Noso Alberto se presentasen na Ponte de Rande para inaugurar as obras que imos sufragar a escote, e que lle serven como escusa á concesionaria para volver subir as peaxes, aquí estamos outra vez, pagando polo que xa pagamos varias veces antes para «liberar» –nunca mellor escollido o verbo- a quen transite polo tramo Vigo-Redondela.

É sorprendente como funcionan as autopistas por aquí. Cando se trata de inaugurar algo, o que sexa, mesmo unha área de servizo, as autoridades corren cortar a cinta e apuntarse o tanto. Cando miles de cidadáns se quedan atrapados na neve, esas mesmas autoridades nos contan que a culpa é da concesionaria porque o Estado non pode entrar nin tomar decisións sen permiso da concesionaria. Polo visto, as autoestradas en España son coma as igrexas, non se pode entrar sen permiso do Papa ou do cura.

Nesta ocasión foi a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, quen nos veu dar a «boa nova» de que remataba o secuestro dos habitantes da área de Redondela, porque a súa liberación ían pagala a escote todos os usuarios da autoestrada e que xa nos dirían os da empresa concesionaria, Audasa, como e cando se fará.

Hai que recoñecelo, Os Soprano eran uns afeccionados. Ao mellor cómpre ir arrexuntando billetes pequenos e sen marcar para aforrar, aínda que só sexa tempo. Aínda non acabou de completarse a suba en tres fases das peaxes anunciada a primeiros de ano e xa vén a segunda suba en camiño, tamén por culpa nosa, por facernos un favor e sempre polo noso ben.

Vivimos tempos gloriosos para as «fotos chulas» na política galega. Saímos a unha ou dúas diarias. Son esas fotos nas que eles e os seus amigos das empresas privadas quedan como campións vendéndonos, entre grandes sorrisos e fenomenais apertas, o favor de facernos pagar, e ben, por algo ao que tiñamos dereito porque xa o pagáramos antes, e varias veces, mentres a eles lles sae gratis total retratarse. Nunca gobernar saíu tan barato.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail