Historias de papel latexan nas pantallas

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Cando caeu nas miñas mans o libro Fariña, de Nacho Carretero, devoreino en dous días. Estaban sobre o papel todos os ingredientes que me gustan para cociñar historias televisivas e vin claro que aí había unha serie. Esa mesma noite empecei a creala en papeliños de cores que ía pegando nas longas paredes do corredor da miña casa madrileña. Eu vivira a época máis dura do ruxir das planadoras e coñecía de primeira man a aventura de moitos dos protagonistas do narcotráfico, así que, na compaña da información ordenada de Nacho, arrinquei a construír o crebacabezas. Á semana seguinte o corredor xa quedara pequeno; noites de insomnio despois titulei o esquema da serie: Operación Depende.        

Cheguei tarde. O proxecto quedou aparcado no meu ordenador, na carpeta A la mierda -sempre admirei a Fernando Fernán-Gómez-, que desde 2005 vai engordando con ideas frustradas de series e de filmes.  Estes días decidín, por saúde mental, poñela a réxime e desfacerme dos folios amputados. Na peneira de arquivos atopei un listado alimentado ao longo dos anos que pode dar para unha restra de artigos, Historias de papel que latexan nas pantallas, unha morea de películas e algunha serie baseadas en libros de autores galegos, tanto na lingua do país como en castelán: Wenceslao Fernández Flórez, Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Blanco Amor, Camilo José Cela, Manuel Rivas, Suso de Toro,  Manuel Jabois, Álvaro Cunqueiro…  

Fernández Flórez é unha mina para o audiovisual. Participara como guionista na primeira comedia de Juan de Orduña cando os seus libros empezáronlle a interesar aos directores de cine. Non hai escritor con máis adaptacións cinematográficas que o novelista coruñés.

De todas as súas obras teño especial querer por El malvado Carabel, a historia de Amado, un oficinista bondadoso e honrado que decide converterse na persoa máis ruín cando o deixa a moza e o despiden do banco no que traballaba como contable. Un relato cunha carga de denuncia social perfectamente vixente hoxe e que Fernández Flórez escribe cun humor e sorna únicos.

Desta estupenda novela hai ata tres adaptacións para o cine: a de Edgar Neville, de 1935, da que, por esas cousas das películas de nitrato, non se conservan -unha mágoa- máis que algúns poucos minutos.  Está tamén a esmendrellante versión dirixida e interpretada en 1956 por Fernando Fernán-Gómez -sempre Fernán-Gómez-, na que descubrín a Julia Caba, matriarca dunha dinastía inmensa en número e talento, e a un Manuel Alexandre divertidísimo no papel do estomatólogo. Si, sae tamén Xan das Bolas, que lle imos facer. E, por último, o filme con acento mexicano que rodou Rafael Bodelón en 1965. Vino hai pouco e debo recoñecer que investín cento oito minutos nunhas boas risas.

A historia de El malvado Carabel préstase tanto a pasar pola pantalla que tamén ten telenovela, dirixida en 1966 para RTVE por Fernando García de la Vega, con guión de Ricardo López Aranda. Agora chamámoslle serie, pero naqueles anos en branco e negro eran novelas, polo nome do programa: Novela de noche. Coñecina porque García de la Vega, nunha entrega de premios, cando soubo que eu era da Coruña contoume que lle daban ataques de risa gravando a Novela do meu paisano Wenceslao: López-Aranda escribira un libreto excelente para unha das moitas adaptacións coas que a televisión única quixo fomentar a lectura dos clásicos. El malvado Carabel de Novela de noche emitiuse en dez capítulos de trinta minutos, que poderíamos ver -non é o caso- se RTVE contara co arquivo ao que, como patrocinadores, temos dereito.

 

De El malvado Carabel filmáronse catro versións ben diferentes, e oxalá nalgún ordenador do planeta estean vibrando as teclas coa escritura dunha quinta. Oxalá en galego e apoiada pola canle pública. Oxalá. De feito, a primeira serie de produción propia da TVG, baseada en contos de Álvaro Cunqueiro, tivo unha grande acollida, así que non hai escusas.

A carpeta A la mierda quedou anoréxica. Só sobreviven tres proxectos: un é evidente; o segundo estou convencida de que me fará rica algún día; e logo está o terceiro, Fariña. Leo que remataron a rodaxe da serie e que van editar a versión en galego do libro de Carretero. Imaxino que a tradución titularase Harina.

Como di Wenceslao: «Hay que ser malo para vencer en la vida. Pero eso es lo más difícil». Así que moita merda, Fariña!

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail