A Coruña e A Insumisa

Que é A Insumisa? En novembro de 2016 comezou as súas actividades na Coruña un centro social que leva ese nome, situado na avenida do Metrosidero, no antigo Campo da Estrada, nun predio de propiedade pública que en tempos fora utilizado polo Exército como Comandancia de Obras, e que levaba anos completamente abandonado. Un grupo de mozas e mozos, cidadáns coruñeses, decidiu ocupar aquel lugar que estaba baleiro, en situación de desbalde, sen que interesase realmente a ninguén. Algunha promesa electoral e difusa de acondicionar a antiga Comandancia nunca se cumpriu.

As persoas que ocuparon ese espazo morto devolvérono á vida. A estas alturas, e despois de moito traballo desinteresado, alí desenvólvense de xeito regular actividades culturais, concertos, recitais, conferencias, exposicións… Impártense clases, entre outras, de danza, acrobacia, boxeo (básico) e Break-dance. Hai un obradoiro das Letras e abriuse un de reparación de bicis. Funciona unha magnífica pista de skate cuberta, posiblemente a mellor da Coruña, e feita como todo o demais con traballo solidario. Mantense un pequeno horto de cultivo. En días de celebración, fanse comidas vexetarianas. E dende alí saíron algúns roteiros para dar a coñecer aspectos ocultos ou esquecidos da cidade, como os lugares da memoria libertaria. En realidade, A Insumisa pode enxertarse nunha tradición ben coruñesa, a dunha cidade que amou a liberdade e a emancipación, cos seus centros de estudos sociais en cada barrio, bibliotecas populares e escolas laicas e racionalistas.

Para algunha xente, semella que A Insumisa é o problema máis grave da Coruña. Non é a primeira vez que se escribe en prensa ou que se fan declaracións neste sentido, o que denota, este si, un grave problema de óptica histórica, é dicir, unha suma de ignorancia e autoritarismo.  E tamén de insensibilidade cara a unha mocidade que ten iniciativas e inquedanzas para facer unha sociedade máis aberta. O que estaba baleiro e en desuso, enchérono de creatividade. En tempos de desacougo, transformaron o abandono nun almeiro de esperanza e civismo. Así que A Insumisa, por máis que os ronchas o repitan, non é un problema, senón unha honra para A Coruña.

Este centro social gobérnase por unha asemblea e co modelo propio da autoxestión do tamén chamado movemento okupa. E nesta cuestión tamén a xente moza d’A Insumisa foi tratada, e segue a selo, con  descoñecemento e malicia. Como cidadáns, merecen un respecto que se lles nega. É unha obriga das persoas que exercen a representación política e dende logo do xornalismo o utilizar as palabras con precisión e á procura da verdade. Non se pode confundir este centro social okupa, que fai un uso cultural, formativo e de lecer nun espazo público que estaba en abandono, do que poden facer outras persoas ocupando locais ou vivendas de propiedade particular. Esas últimas persoas serán ocupantes dun inmoble privado, máis non «okupas» no sentido histórico e social da palabra.

Hai espazos okupas semellantes á Insumisa en moitas cidades europeas, e que funcionan de xeito autoxestionario. Existen dende hai anos, sen que as institucións esmaguen esa iniciativa. E xustamente abondan alí onde hai máis vitalidade, como Ámsterdam, Copenhague, Berlín, ou a mesma Roma, e onde a mocidade encontra facilidades para experiencias vangardistas e cooperativas, sen ser estigmatizada e demonizada como ocorre en Galicia. Xa o foi en Compostela e agora na Coruña.

Karl Popper, gran filósofo liberal, admirado por xente como Vargas Llosa, escribiu unha obra célebre: A sociedade aberta e os seus inimigos. Aquí, algúns que van de conservadores liberais, o que queren é unha sociedade pechada. Como diría o Dante, facer da Coruña «un maldito sitio triste».

Puxeron o mal de ollo n’A Insumisa e xa non quitaron. Fixeron do centro social un «grave problema» para danar e prexudicar a xestión da Marea Atlántica. Nesta cidade tratada con desprezo nos investimentos, coa ría do Burgo abandonada dende hai anos sen rexeneración, onde se escatima cada euro por parte da Xunta e do Goberno central, sorprendentemente Fomento soltou moita pasta con celeridade para… esnaquizar a rebeldía eficaz, a iniciativa social.

Unha pregunta para todos estes «inimigos» da sociedade aberta: Por que non reclaman xa a entrega do inmenso cuartel de Atocha, infrautilizado, para facer nese espazo público a maior dotación de servizos na historia da cidade, a comezar pola cada vez máis imprescindíbel gran residencia de anciáns que A Coruña e a area metropolitana necesitan. A ver se pían por aí e deixan en paz A Insumisa.

 

 



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail