Diana, Cristina, Anna

Ningunha muller é presuntamente asasinada. Os presuntos son os asasinos (polo menos ata que nun xuízo se determine o contrario). Ningunha muller é unha fresca nin unha buscona, nin unha fríxida nin unha «estreita», por vestir como ela decide. Iso é liberdade. Ningunha muller é valente por opoñer resistencia nunha violación, nin covarde nin consentidora por quedar inmóbil. Semellan frases obvias, pero non o son.

O asasinato de Diana Quer non é presunto, por moito que o Chicle argumentase nun primeiro momento que a atropelou accidentalmente. A moza madrileña non provocou que ese individuo a metera (presuntamente) no maleteiro do coche, nin tampouco o seu atractivo físico, nin o pantalón curto de cor rosa que escolleu para saír a divertirse unha noite de verán nas festas da aldea. Pero parte da sociedade aínda cre que os homes non son quen de reprimir os seus impulsos sexuais. Porque eles, xustifican, precisan máis sexo, e as mulleres somos o utensilio de satisfacción. As mulleres, pensan, non temos ese nivel de desexo sexual.

Tampouco vai provocando Cristina Pedroche cando decide saír a dar as campanadas de Fin de Ano en La Sexta ensinando boa parte do seu corpo. A presentadora cansouse de repetir, por activa e por pasiva, que sae así porque quere, que non o fai seguindo indicacións da cadea e que, canto máis a critican por iso, máis ganas ten de seguilo facendo. O seu discurso contra a violencia de xénero o 31 de decembro diante da Porta do Sol non é contraditorio vindo de unha muller que sabe o que é o linchamento diario nas redes sociais e nos medios de comunicación por ser muller, por ser guapa e por saír na televisión. Se facendo o que fai entra ou non no xogo do circo mediático, iso é outro tema digno de outro artigo.

A decisión de Anna Muzychuk, a campioa do mundo de xadrez, de non participar no mundial de Arabia Saudí por negarse a ser tratada coma «unha criatura secundaria» polo feito de ser muller, merece un aplauso que abundou, pero tamén un apoio real que faltou. O seu xesto, polo que perdeu os seus dous títulos mundiais, foi tan aplaudido como instrumentalizado nese fenómeno coñecido como «purplewashing»: aproveitar a onda de apoios para cargar contra o mundo islámico e seguir facendo coma se non houbese machismo na nosa propia casa.

In a few days I am going to lose two World Champion titles – one by one. Just because I decided not to go to Saudi…

Posted by Anna Muzychuk on Sábado, 23 de Decembro de 2017

Non buscamos que nos violen. Non vestimos para que nos insulten. Non protestamos para que instrumentalicen os nosos discursos. Semellan frases obvias e, para algúns, cargantes. Pero non nos cansaremos de repetilas ata que a nosa reivindicación se faga realidade: Nin unha menos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail