Nunca pasa nada

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Cambiou o ano pero en Galicia non pasou nada, nin vai pasar, porque aquí nunca pasa nada e se pasa sempre ten amaño. Ao que en todas partes lle chaman mediocridade, nós chamámoslle rutina.
Nas cousas de gobernar e da política, O Noso Alberto seguirá tan aburrido de levar a contrata de Galicia coma quen administra un Zara ou un McDonald’s que continuará outro ano máis facéndolle oposición á oposición. E o mellor de todo é que a oposición estará encantada de que lla faga e -por se acaso sempre hai que ter un plan B- en todo aquelo que O Noso Alberto non se lles opoña como é debido, xa se ocuparán eles de facerse a oposición entre si. Nesta pelexa interminable por ver quen vai segundo a política galega parece o Tour de Francia: todo se volve disputar sprints especiais e metas volantes e arrebatarse uns aos outros os maillots da montaña e da regularidade mentres o único maillot que importa, o amarelo, é propiedade indiscutible de O Noso Alberto.
Nos niveis inferiores das subcomandas tampouco esperen novidades. Seguiremos tendo que padecer os esforzos patéticos do vicepresidente Alfonso Rueda para que lle recoñezan o titulo e a categoría de Soraya autonómica. Hai que recoñecerlle que empezou forte o ano, non sabendo resistirse a saír nas fotos do espectáculo no que se converteu o esclarecemento do asasinato de Diana Quer sacando peito polo traballo dos forenses, igual que o ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido sacaba peito polo traballo dos investigadores da Garda Civil. A adicción a saír nos medios é como a adicción á droga, nunca tes suficiente e nunca sabes cando parar; e senón que llo pregunten a Abel Caballero, o incansable showman e indiscutible performer número un da política galega.
Na axenda pública do que discutiremos, porque deberá de ser o que nos importa, tampouco esperen cambios. Agora que os temporais devolveron os encoros por riba do 70%, os medios van a ter algo máis complicado atopar temas dos que falar que nos aforren andar discutindo cuestións tan engorrosas como que as escuras e crecentes listas de espera da sanidade, as pensión medias galegas á cola das españolas, a incapacidade da nosa economía para crear emprego estable e de calidade e a nosa crecente dependencia de variables tan exóticas coma o turismo ou absentismo dun Goberno que pese a ter maioría absoluta leva lexislatura e media sen aprobar unha triste Lei que mereza tal nome polo seu contido, alcance ou transcendencia.
Pero non se alarmen, sempre poden tirar dos clásicos: os retrasos do AVE que no fondo son adiantos e deberemos de celebrar, os centenares de miles de millóns de turistas e peregrinos que se van admirados da nobreza das nosas xentes e o saboroso da nosa gastronomía, ou a enésima renuncia de O Noso Alberto a suceder a O Noso Mariano e, xa postos a soñar, a fichar polo Barça ou o Manchester City. De ilusión tamén se vive, e en Galicia é do único que vivimos.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail