«Solo sé que había nieve»

Hoxe, como se pode comprobar polos comentarios en dixitais e nas redes sociais, os referentes de Galicia por aí fóra son que se come ben (e barato, porque ben e caro cómese en todas partes) e que a cocaína parece que vén na traída da auga. Non é unha opinión, é o resultado científico de milleiros de horas perdidas diante da pantalla dun ordenador lendo trangalladas no canto de facer algo de proveito. Se queren acelerar o proceso, provoquen unha discusión e a palabra «narcotráfico» sae antes que «Hitler» en canto se identifican como galegos. Unha vez máis, os prexuízos ocultan moitos logros, como a contribución dos galegos á teoría política.

Parece que despois das ―tampouco moi coñecidas― contribucións do economista e xurista Manuel Colmeiro Penido a finais do século XIX á teoría da división de poderes non houbo máis achega teórica que a daquel militar de Ferrol que ditou os Principios Generales del Movimiento. Unha ocultación histórica máis, que esquece as contribucións decisivas de Pablo Iglesias (I) e Ricardo Mella, por non falar das de Risco e Castelao. Pero, aínda que non tan elaboradas, tamén houbo aportacións moito máis recentes, mesmo neste século.

Ao comezo da Transición, Manuel Iglesias Corral pasou en sede parlamentaria con pés de la sobre o feito de que un presidente de Galicia, Fernández Albor, seguira no cargo pese a que lle dimitira o goberno en pleno. «Aquí pasou o que pasou», resumiu, quitándolle importancia ao sucedido, como se en lugar de quedarse sen conselleiros, fose un director xeral o que collera unha baixa por enfermidade. Esa frase non a podía dicir ―e que coara― un calquera, senón alguén que tivese unha traxectoria política detrás como a de Iglesias Corral, capaz de conxugar o pasado remoto como alcalde da Coruña e fiscal xeral na II República co pasado recente de senador por unha alianza progresista, logo presidente da UCD de Galicia, deputado no Parlamento galego por Alianza Popular e finalmente senador por AP.

Anos despois, e sen saírmonos do carreiro conservador, Manuel Fraga, por moito Carl Smichdt e moito Estado na cabeza que tivese, será recordado pola aportación do «y punto», a mellor e máis contundente forma de rematar un debate inventada en anos, evitando que se arrastre e se converta nun intercambio de monólogos. E finalmente, e non por iso menos importante, está a frase coa que o actual titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se sacou de enriba unha polémica que, en calquera outro ámbito político, suporía ter ao enterrador mirando o reloxo, impaciente: «Solo sé que había nieve». Parece unha sentencia non demasiado versátil, pero ten a complexidade fractal dunha folerpa.

Agora, para prever o futuro meteorolóxico non hai que mirar o ceo senón as pantallas, e a climatoloxía é todo un xénero informativo. Os temporais preséntanse cando se lles espera, tan puntual e educadamente que ata facilitan o seu nome, e tamén se democratizaron: calquera manifestación da invernía pode ser xa un temporal, ou unha cicloxénese. Da mesma maneira, as migracións masivas por mor do ocio son tan previsibles como os finais das comedias románticas. Sábese que van circular XXL millóns de vehículos entre as horas Z e W dos días V e T.

Incriblemente, da tanxencia desas dúas certezas case ontolóxicas non se deriva unha terceira igual de segura: que a moita neve e o moito vehículo vanse acabar xuntando nun espazo que permanece inmutable nas súas dimensións, como é unha vía de comunicación. Noutro contexto, a empresa concesionaria desa vía pública, a AP6, que quedou colapsada, debería de entrada saír explicando algo tipo, non sei, «el perro me comió los deberes». E o Goberno, pois esa ou outra escusa, e ademais ameazar con conter a respiración dez segundos se a empresa concesionaria non confesa a imprevisión, mostra arrepentimento e propósito da emenda, e cumpre a penitencia que se lle impoña. Pois para non ter que facer todo iso está a premonitoria frase coa que o noso presidente asegurou que el estaba alí como quen non estaba: «solo sé que había nieve».



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail