O grave escándalo europeo da «pesca eléctrica»

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O día 16 deste mes de xaneiro pode producirse unha «descarga» terrorífica para a vida nos mares, un paso que multiplique a destrución e que faga imposíbel unha política de pesca sostíbel en Europa e, a continuación, nos mares do mundo. Isto non é un conto de medo. É un perigo real e inmediato.  Depende do que vote ese día, martes 16, o Parlamento europeo. Se sucumbe ou non ao poderoso lobby da pesca industrial e autoriza da chamada «pesca eléctrica».

Unha chamada de alerta, un berro de «mayday», de socorro, debería estar percorrendo os países e os mares da Terra, e penetrar en todos os oídos e espertar todas as conciencias. En primeiro lugar, e con urxencia, en Europa. Cun calendario de sixilo turbio, sen tempo real para que a comunicación emerxa e flúa, e para que a xente reaccione, pretende «coarse» un acordo que permitiría o chalutage electrique (arrastre eléctrico), o uso de correntes eléctricas nos aparellos de arrastre da gran pesca industrial. Incorporada esa técnica á maquinaria depredatoria máis potente, a electrocución dos fondos mariños levaría o esquilme ao extremo. Sería un golpe fatídico. Se hoxe a diagnose é a sobreexplotación, coa «pesca eléctrica» entraríase na fase de extinción. Os eidos mariños como campos de exterminio.

Que pasou para que esteamos ante a posibilidade desta «descarga» irracional, desta ameaza de electrocución da esperanza nunha alternativa sostíbel?

A «pesca eléctrica» está prohibida dende 1998, xunto con outros métodos destrutivos como a dinamita e o veleno. Non hai ningunha dúbida por parte da comunidade científica.  Estes aparellos «torturan» os fondos mariños: emiten golpes de corrente eléctrica nos sedimentos e provocan convulsións nos seres mariños para sacalos do seu hábitat e capturalos. Obxectivos principais son peixes moi valorados no mercado, como linguados ou rodaballos. Calcúlase que os descartes que provocan supoñen entre o 50 e o 70% do total pescado.

Linguado ulcerado por unha descarga eléctrica. Foto Poissoniers de France 2017

O caso é que estaba e está prohibido como o está a dinamita, pero o arrastre holandés, con tanta influencia en Europeche, o emporio europeo da pesca industrial, conseguiu da Comisión en 2005 un estraño acordo de «derrogación» polo que varios buques podían usar a «pesca eléctrica» con carácter experimental e provisorio. A pretensión agora, e con máis amplas complicidades na Comisión Europea, é conseguir a extensión á flota da autorización para o uso de electrodos. A electrocución non deixa de ser unha «dinamita» silenciosa. Pero, claro, no mundo das aparencias, unha cousa é pasar por «dinamiteiro» e outra por «electricista».

Segundo os grupos de defensa do medio ambiente, como Bloom, e as asociacións de pescadores artesanais, a Comisión incumpriu en 2005 e está a incumprir de novo o seu Código ético. As «derrogacións» acordáronse en contra do criterio do seu órgano científico. Tamén en contra dos acordos subscritos cos organismos internacionais, como a ONU. Por que tanto interese?

O máis grave é que se se autoriza este método destrutivo á flota de pesca industrial holandesa, que argumentos poden ter as institucións europeas para negar a «pesca eléctrica» ao resto das flotas? E que pasará coa prohibición mundial, que é respectada até o de agora por todos os países? Que farán, por exemplo, China, Xapón, Rusia e os Estados Unidos de Trump?

Os intereses económicos móvense nas sombras e manexan moitos fíos políticos, ben por corrupción ou por trocos e compensacións. Mais eu, aínda que desacougado, non podo imaxinar que os representantes dos pobos de Europa se deixen electrocutar, así, deste xeito, como descartes.

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail