A revolución ultravioleta

É a cor que marcará todas as tendencias no 2018. A ultravioleta, concretamente o ton Ultra Violet: 18-3838, é a escollida por Pantone para protagonizar o ano que acaba de comezar. E, mentres os medios falan das dificultades de combinalo nos looks do día a día, algunhas preguntámonos se a escolla desa cor púrpura e o auxe dos movementos feministas nos últimos tempos non terán algo que ver.

A palabra «feminismo» foi substituída no argumentario desa escolla por eufemismos tales como «pensamento visionario», «futuro», «contracultura» ou «contraconvencionalismo». Mesmo se salientan figuras como Prince coa súa Purple rain, ou o uso desa mesma cor púrpura por outros artistas rompedores como David Bowie e Jimi Hendrix. Pero nin unha mención ao feminismo e ás súas protagonistas.

Nin unha mención ao libro A cor púrpura co que Alice Walker sinalou o dobre problema de racismo e machismo que sofren as mulleres negras, e que logo Spielberg levou ao cine cunha expléndida Whoopi Goldberg como personaxe principal. Tampouco a A flor púrpura, a novela na que Chimamanda Ngozi Adichie narra como nin sequera unha nena negra de clase alta se libra da violencia de xénero e machismo cotián na súa propia casa.

Nin, por suposto, ao asasinato de 129 mulleres en folga nunha fábrica téxtil en Nova York, o 8 de marzo de 1908, nun incendio intencionado do que se di que se desprendía un fume violeta polas teas coas que estaban a traballar. Ese día polo que hoxe celebramos o Día Internacional das Mulleres.

Costa crer que ninguén en Pantone reparase na connotación feminista da cor ultravioleta. Por iso interpreto que o feminismo segue dando un medo atroz ás grandes marcas -e tamén ás pequenas. Mentres para unhas empresas significa marketing, para outras é o antimarketing. Porque, aínda hoxe, o feminismo está tan pouco normalizado que continúa significando un extremo ou o outro. Unha confrontación retrógrada que non habería de existir.

Diante da censura de Pantone, propoño unha revolución ultravioleta no 2018. Unha revolución de romper silencios, de incomodar ata que o que resulta incómodo deixe de selo. Porque a reivindicación de igualdade, por incrible que pareza, aínda incomoda. Que tería acontecido en Hollywood se as valentes do #MeToo tivesen decidido manter o seu silencio? E as vítimas de agresión sexual no Sanfermín? A cantos Harvey Weinsteins imos deixar actuar impunemente co noso mirar cara outro lado?

Contra o silencio, revolución ultravioleta.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail