Ponnos verde!

A construción do Cenotafio da Cultura nos arredores de Compostela, trouxo entre outras moitas desgrazas encontrarnos polas rúas da capital do país un gran número de carteis das diferentes campañas marketinianas coas que dilapidan o diñeiro de todas. A última, supoñemos que tirando da ironía –sobre a cal xa se dixo moitas veces que é o estilo sentimental da posmodernidade- atópase bordeando o cinismo.

O mesmo día que nas radios pasaron a mañá falando de museos, obras de arte e reliquias do século XV por mor da instrumentalización política dos bens de Sijena, atopaba un cartel publicitario na céntrica rúa do Horreo cunha invitación a plantar árbores autóctonas que amplíen o Bosque de Galicia; actualmente, un espazo arborado dunha vintena de hectáreas no monte Gaiás, que paradoxalmente perdera gran parte da súa vexetación para que, xustamente, fóra construído o mausoleo deseñado por Peter Eisenman para a gloria eterna dun ex-ministro franquista.

Coma toda obra e reforma que se prece neste elefante branco, o importe inicial de 300.000 euros pronto se aumentou, e para elo non dubidaron en transvasar diñeiro do orzamento para repoboacións forestais. Finalmente, nesa primeira fase, a colocación de 12.000 unidades de especies autóctonas e unha luminaria cada dez metros, «balizas formadas por unha carcasa de fundación de aluminio con acabado en pintura gris grafito», segundo os papeis que a Xunta remitira aos medios, custou 600.000 euros de diñeiro público. 600.000 euros máis, para unha obra perenne cuxo inicio se engloba nesa época da «poética do dispendio» tan propia de finais do século XX e inicios do XXI, e na que as mal chamadas políticas culturais se utilizaban coma unha densa cortina de fume para o malgasto, a especulación e a corrupción.

En Mercaderes do espazo, unha novela distópica publicada en 1953, Cyril Kornbluth y Frederik Pohl imaxinan unha sociedade onde o capitalismo superou calquera límite ecolóxico e antropolóxico. Nese futuro, que soa moi presente, Galiza continuaría sendo unha colonia de interior baixo o «réxime totalitario do eucalipto» para lucro perpetuo dunha Ence e as súas secuaces, cuxa concesión na ría de Pontevedra estaría prorrogada máis aló do actual 2073. Desa maneira, a única forma para gozar da antiga diversidade biolóxica forestal sería ascender ata –levando a distopía a niveis superlativos- a Cidade da Incultura Pérez Varela.

Mentres xuntaba estas letras, o creador de «recuerdo que había nieve» anunciaba polo transistor que a Xunta destinaría 1,8 millóns de euros de diñeiro público -1,8 millóns de euros máis- para crear un xardín botánico na zona onde estaba proxectado esa fantasía lisérxica que supoñía o Palacio da Ópera; para esa zona do macrocomplexo do soño fraguián na que agora existe un enorme pantano, ademais de prever a construción de zonas e equipamentos para deportes urbanos, planifícase un xardín botánico con 187 árbores de 30 especies procedentes de diferentes partes do mundo. FAN-TÁS-TI-CO!

Por certo, a petición de comezar a «poñer verde» o tamén coñecido como o Val dos Caídos Galegos, chegaría o día seguinte de atoparme co cartel a través do tuit que inicia este artigo; o motivo, a entrega duns Premios Nacionais da Cultura Galega, creados durante os tempos do bipartito e que perderon o termo «Nacionais» coa volta dos rexionais-populistas ao poder.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail