Nostalxias de Xénova

Xénova era a miña casa, eu entraba ao aparcadoiro coa mesma tarxeta que todos os membros da Executiva. E sen pasar os controis. Un escoitaba a declaración ante o tribunal de Francisco Correa e era imposible non ver nel a un tipo ao que lle destrozaran o corazón.  Un J&B con cola en vaso de tubo ás dúas da madrugada no boulevard dos imputados, mentras lle explica ao ombro dun vello amigo o feliz que un día fora. Semellaba ser para sempre, que nunca acabaría a festa. Mais, de súpeto, foi todo á merda. Aínda non sei por que. Trago amargo ao cubata. Un tempo despois da ruptura, o coordinador do equipo Gürtel seguía ferido de amor mais, polo menos, volvera a coidarse. O pelo lambido e o traxe caro dábanlle ese aspecto de outrora, o do poder. Ese poder que dá aparcar na rúa Xénova sen ter que pagar zona azul. Que tempos.

Aquelas alturas da política eran o seu fogar. Sentíase ben, un valorado e querido experto económico nas sombras dos corredores. Un Rodrigo Rato ao que ninguén aplaudía públicamente, pero un Rodrigo Rato ao fin e ao cabo. O tempo deulle a razón a aquel sentimento unindo a ambos. Primeiro nas capas dos diarios, despois nos corredores da Audiencia Nacional. Alí foi onde se cruzaron os das «black» e os dos Jaguars. Nunca tantas miradas melancólicas se viran cruzar en presenza de avogados. Hoxe, as restablecidas pintas, a gomina e o traxe caro xa son para o Rato dos sumidoiros só iso, pintas.  Pese ao aspecto de grande imputado, aquela marabillosa época de adxudicacións previo pago e festas infantís en B, rematara. Como acabou o soño de faite banqueiro para o seu reflexo nas alturas. Todo aquilo era xa soamente un bonito recordo ao que aferrarse. Trago agre e vista atrás. Cuando hai dor sempre se mira cara atrás. Non o tiven tan doado como Rodrigo. Pero Bárcenas deume a oportunidade. E saqueille proveito, vaia que si. Trago ao vaso de tubo e incremento da melancolía.

Un tirón de orellas bastaba, non cres? Trago. Pero, acabar así? Sen máis? Como cambia a vida dun día para o outro. Do máis alto a estar como un can de ninguén ladrando ás portas do ceo. Ultimamente escoito a Sabina, sabes? Logo pídolle ao barman que me poña algo. Creo que todos os que sufrimos mal de amores facemos as mesmas cousas. Imaxino que a Rodrigo tamén lle pasará. Ese tío sabe describir como ninguén o sentir dun cando a festa acaba. Sabina, digo. É «rojo», coma min cando o meu pai me levou a ver á Pasionaria. E como Rodrigo, que se divorciou dándolle o disgusto á Botella. Non eramos perfectos, pero tiñamos fame. Trago. Logo, un dáse conta de que o amor non ten etiquetas nin cores. Perdoa se me poño melindroso. Serán os cubatas. E os recordos, claro. Aínda gardo no móvil as fotos da voda. Parece que foi onte. Sempre voando alto. Comiamos o mundo cando tiñamos fame e, ás veces, tamén comiamos entre horas, só por aburrimento.  E o Escorial era parte do mundo. Vai dándolle para un lado co dedo, mira: aquí, na alfrombra de invitados. Estabamos todos. Rato mais eu, por suposto, pero había máis. Aznar, Bárcenas, Matas, Sepúlveda, López Viejo, Blesa, Lapuerta, Zaplana, Rita, O Bigotes… Veu ata Berlusconi. Que gran cerimonia. E que tempos. Mírame agora. Trago. Como cambia a vida nun suspiro. O amor quenta pero pode xearlle a un a alma. Perdoa a mexericada outra vez.

Se queres podo calar e chorar as miñas coitas en silencio. Ou podo volver a chamalos. No sei se é boa idea, ti que dis? A vida é longa, algún día o foco apagarase e eu volverei estar estupendo, sen rancores, na sombra. Trago. Noutra distinta a esta. E pedirei outra oportunidade. Aprendeu. Podo facer iso. Trago. Ou podo poñerme triste e dicirlles que por agora chégame con ser o seu inimigo, o seu todo, o seu escravo, a súa febre, o seu dono. E se queren, tamén podo ser a súa estación e o seu tren, o seu mal e o seu ben, o seu pan e o seu viño. De momento, podemos pedir outro. Dous máis do mesmo. Que tempos aqueles…



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail