1,66€ a hora

Era unha imaxe perdida no inmenso océano das redes sociais. Un recorte dun periódico da cidade siciliana de Catania, non sei cal, que informaba que, no decurso dunha inspección dunha pizzería-panadería na Vía della Concordia, descubríronse dous delitos: a invasión de espazo público e que unha traballadora, sen contrato, cobraba 1,66€ a hora. Googleando, pódese ampliar a información e comprobar que a panificadora non tiña permiso de apertura (ou o que alí se precise), invadía a beirarrúa 24,50 metros cadrados cun estaribel de madeira no que tiña amoreadas auga e cervexas, co correspondente toldo para que non se mollara a mercancía.

Na mesma operación comprobaron que os traballadores non tiñan contrato ningún, e que entre eles había unha muller, unha nai de dous fillos, separada, que aceptara traballar por 1,66€ a hora. Non fai falta que boten contas, xa as boto eu: no improbable caso de que a súa xornada laboral fose de oito horas, levantaría a fortuna de 13,28 euros diarios, 66 semanais (se só traballara cinco días á semana) e ganaría ao mes uns 265 euros. Pero como seguro que o xefe se enrollaba e lle permitía facer horas extras, malo será que non empetara 400 euros un mes con outro. Ah! o establecemento tamén tiña a mozarella caducada.

ANSA/ Oficina de prensa do Corpo Forestale dello Stato./ Imaxe de arquivo

Na outra punta de Italia, Bérgamo, na Lombardía, nove persoas, tamén mulleres como a siciliana, pero neste caso unha italiana e oito indias traballaban para unha empresa de selos de caucho propiedade dun home de orixe tamén india, eliminando as rebarbas dos selos. Cobraban arredor dun euro por cada 1000 selos desbarbados, un labor que polo menos levaba un par de horas, co que a ganancia viña sendo de 50 céntimos por hora de traballo. O salario mensual nunca subía de 250 euros. (En Italia non hai salario mínimo, pero grosso modo, se o salario medio en España é de 1.300€ mensuais, en Italia é de 1.400. O PIB per cápita é respectivamente de 30.000$ e de 35.000$).

Aquí hai tempo que non saen noticias destas. Ou saen e non reparo nelas, non digo que as oculten. (Saen, si, unha chea de titulares sobre os centos de milleiros de postos de traballo que se crean, aínda que logo boa parte deles sexan contratos dunha hora, ou dúas e non precisamente para dar un concerto nun estadio). Pero de seguro que cando saen, nos comentarios ou nas redes sociais hai unha chea de xente que di que cada quen é libre de aceptar esas condicións, ou non, e que se non, haberá alguén que non sexa tan tiquismiquis á hora de poñer o lombo. Aínda que tampouco en Italia a noticia, a da nai separada que traballaba por 13 ou 15 euros ao día, é que tivera moito destaque. Debaixo, pero coa mesma tipografía, viña a información de que na Vía Zia Lisa roubaron unha motocicleta. Non sei como estará a estatística de delitos en Catania en particular e en Sicilia (ou Italia) en xeral, pero se tan habitual é mangar motos como ter a xente en situación de práctica escravitude, mal vamos.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail