As «portas xiratorias» non existen

Unha cousa que se adoita criticar nos políticos é o cinismo e a hipocrisía. A falta de sinceridade. O non dicir a verdade, sobre todo cando ocupan postos de poder, pois xa se sabe que o poder móvese mellor nunha atmosfera de ocultación e segredo. Pero sempre hai unha excepción. Eu veño de emocionarme ao ler as declaracións de Marta Fernández Currás nas que di textualmente: «O concepto ‘porta xiratoria’ faría que eu nunca puidese traballar en nada».

Quen é esta persoa a quen a prohibición das «portas xiratorias» condenaría á máis extrema pobreza? Marta Fernández Currás, economista, interventora e inspectora do fisco, despois de varios altos cargos na Xunta, foi conselleira de Facenda do Goberno Feijóo entre os anos 2009 e 2011. Predicou e practicou unha austeridade moi eficaz no recorte dos gastos sociais. E foi esa eficacia a que a levou a unha das cadeiras máis competidas na altísima Administración do Estado, pois é alí onde radica o verdadeiro poder: a secretaría de Orzamentos e Gastos de España. Aí están as chaves do tesouro.

Nese posto, e á dereita de Montoro, Marta Fernández Currás mantívose cinco anos decisivos, pois aí se tomaron e se executaron as grandes liñas verbo da crise. Unha política económica moi dura, mesmo empobrecedora coas clases baixas e medias, e moi considerada coa banca e as grandes empresas financeiras. Decenas de miles de millóns de euros destinados aos rescates bancarios non volveron, ao contrario do sucedido noutros países, onde Estado recuperou os cartos.

Sería inxusto sinalar a secretaria de Estado como responsábel principal do chamado «austericidio», mais ela estaba nesa equipa que escolleu esa política económica sen calibrar outra saída máis social e menos traumática. Hai un certo consenso entre economistas en que a vía neoliberal foi un erro que atrasou, e atrasa, a recuperación. O caso é que en novembro de 2016 deixou a secretaría de Estado. Pediu o cese voluntario para dar o salto á empresa privada.

E a que empresa privada? Pois nada máis e nada menos que unha das principais auditoras mundiais, a Ernest & Young (EY), unha das chamadas big four ou catro grandes. Non houbo «cuarentena» de ningún tipo. A encargada dos orzamentos do Estado español pasaba pola porta da EY para asumir un posto de executiva. Polo visto, non era unha porta xiratoria, nin unha porta de dobre folla, senón unha grande e triunfal porta de entrada. Velaí a súa sinceridade: «Rexeito totalmente o termo portas xiratorias» (entrevista en LVG, 26.12.2017).

O xornalista faille unha pregunta moi atinada: «Por que a aposta desta consultora por vostede?». A resposta non di nada ou di moito: «En xeral, Ernest & Young fai unha aposta por Galicia». De xeito inconsciente, penso, a ex-conselleira está a dicir que ela é a porta de Galicia. Comprendo que non lle amole que a sitúen nunha «porta xiratoria», son un mareo, pero habela haina. A porta.

A pregunta de sempre é por que non se regula dunha vez o tránsito entre e a Administración e a empresa privada, cunhas incompatibilidades e períodos de «moratoria de caza» claros. O contrario é manter un estado de sospeita e sombra. Mais hai outra pregunta: Por que as persoas que se benefician destas fichaxes millonarias non parecen sentir escrúpulo ningún?

Non se trata de nada persoal, pero o que non é presentábel moralmente é revirar o asunto de tal xeito que os que criticamos as «portas xiratorias» estarían perpetrando unha inxustiza. Hai xente, moita, que cando perde o traballo entra nun inferno precario. Non é o caso dos altos funcionarios cando deixan un cargo. Falar nos termos en que o fai a ex-conselleira semella unha desconsideración co servizo público e un agravio coa maioría dos mortais que hoxe viven na incerteza e no precariado.

Comprendo que non lle guste que lle falen de «portas xiratorias», señora ex-secretaria de Estado. Pero sempre pode dicir o que Lord Illingworth, un interesante personaxe de Oscar Wilde: «É monstruoso o xeito como a xente anda hoxe en día dicindo en contra dun unhas cousas que son absoluta e enteiramente certas».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail