Refórmase ou non o sistema electoral español?

Tralos últimos comicios xerais, os de xuño de 2016, o acordo entre PP e Ciudadanos que posibilitou a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno incluía a reforma da Lei Electoral española. Este asunto é obxecto de actividade parlamentaria dende esta primavera, pero os prazos inicialmente previstos para concluír o debate téñense adiado.

Son varias as críticas habituais ao sistema electoral. Entre as principais, a que explica a entrada do tema na axenda política, é a falla de proporcionalidade. O elemento que ten un maior impacto na proporcionalidade dos sistemas electorais é o tamaño da circunscrición. En España os distritos son as provincias, moitas de tamaño pequeno ou mediano. Baixas concentracións de poboación dan dereito a poucos escanos e o reparto dese pouco produce necesariamente partidos que non entran e moitos votos que non contan. A desproporcionalidade ten perdedores identificados, que son os partidos non maioritarios nas circunscricións modestas. Tamén gañadores, en xeral as forzas maioritarias e, en particular, as de ámbito non estatal que concentran os seus apoios en poucas circunscricións, reducindo a diferenza entre votos e escanos recibidos.

Baixas concentracións de poboación dan dereito a poucos escanos e o reparto dese pouco produce necesariamente partidos que non entran e moitos votos que non contan

A desproporcionalidade é tamén negativa dende o punto de vista do interese público, na medida en que contravén a igualdade política dos cidadáns e a súa capacidade de control dos representantes, contribuíndo loxicamente ao sentimento de insatisfacción co funcionamento da democracia. A reforma da Lei Electoral española, sen cambiar a Constitución, podería aumentar a proporcionalidade do sistema reducindo de 2 a 1 o mínimo de escanos atribuído a cada provincia e facendo medrar o tamaño do Congreso dende os 350 deputados actuais aos 400 que prevé como máximo o texto constitucional. En caso de reforma deste, o número de deputados e sobre todo o tamaño do distrito poderían incrementarse en maior medida. A opción máis proporcional sería o distrito único. Circunscricións rexionais amplas mellorarían igualmente a proporcionalidade. Para mudar a composición e elección do Senado é precisa a reforma da Constitución cuxo texto deixa menos marxe de decisión ao lexislador no relativo a esta cámara. Cómpre lembrar, non obstante, que a proporcionalidade extrema non é a mellor opción, senón que é máis convinte equilibrar representatividade e gobernabilidade.

Sen cambiar a Constitución, podería aumentar a proporcionalidade do sistema reducindo de 2 a 1 o mínimo de escanos atribuído a cada provincia e facendo medrar o tamaño do Congreso dende os 350 deputados actuais aos 400

Cun sistema máis proporcional non terían sido posibles as maiorías absolutas logradas polos partidos maioritarios de ámbito estatal en 1986, 2000 e 2011 con pouco máis do 40% dos sufraxios. Por tanto, nun contexto máis proporcional, sería urxente camiñar cara a unha cultura política de menor confrontación que permitise a normalización de gobernos de coalición a nivel estatal. Outro aspecto sobre o que podería versar a vindeira reforma da lexislación electoral española sería a posibilidade de desbloquear ou abrir as listas. Estes cambios terían incidencia nas relacións entre os deputados e os seus partidos. Tamén poderían afectar, entre outros, a incorporación do voto electrónico, a redución da idade mínima para o sufraxio, o exercicio do voto por parte de persoas con discapacidade ou a simplificación do sistema de votación do censo de residentes no exterior, complicado de máis trala reforma de 2011.

Para modificar a Lei Electoral é precisa maioría absoluta no Congreso. Non parece doada de sumar neste momento. Por exemplo, o Partido Popular sempre pode romper o debate pondo sobre a mesa a carta trucada “que goberne a lista máis votada”. Supoño que pensará que a Francia e ao Reino Unido vailles mellor cun sistema máis maioritario.

* Cristina Ares é profesora de Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail