En que quedamos?

Eses señores que parecen arrancarse por bulerías son os axentes sociais. Sindicatos, patronais e autoridades pertinentes. Digo bulerías como podería dicir seguidillas, pero o que lle cadra son alegrías. Alegría de estar onde están, como lle pasa en xeral a todos os que se aplauden a si mesmos, estean nun proscenio ou no enterro dunha vítima de algo. Eses cinco homes, coa cota feminina correspondente (a de pelo cardado que non vai de traxe escuro) aplauden tamén porque están encantados de terse coñecido e ter demostrado un enorme talante negociador e un considerable talento para incidir nos problemas reais da sociedade española. «Generosidad y responsabilidad», resumiu quen presidiu o acto.

En definitiva, o que o presidente do Goberno, a Ministra de Traballo (Virxe creadora de emprego mediante), os presidentes dos empresarios grandes e dos pequenos (os dous que locen rizo xerezano) e os secretarios dos dous sindicatos de sempre (os que non levan garabata) celebran este martes 26 na Moncloa é que dentro de dous anos, o salario mínimo (SMI) subirá nada menos que 142 € e 40 cent. De 707,60 a 850 ouros. Para evitar esa vertixe do diñeiro súpeto (xa se sabe, nove de cada dez afortunados na Lotería acaban malamente), este ano que empeza haberá xa un incremento de 28,30 eurazos. «Queremos que los efectos positivos de la recuperación económica lleguen a todos. No queremos que nadie quede atrás y por eso vamos a mejorar los salarios, empezando por los más bajos», salientou Mariano, moi no espírito destas entrañables datas.

Para celebrar ―é un dicir― o pasado 1º de maio, o sindicato de técnicos de Facenda (Gestha) elaborou un informe no que sinalaba que neses anos de recuperación económica o número de traballadores con soldos máis altos aumentou ata as 136.502 persoas. «Y esos 136.502 directivos ingresan exactamente lo mismo que los 5.754.174 de trabajadores con sueldos más bajos». Son eses 5.754.174 currantes os beneficiarios da suba de 28,30€ o ano que vén, e de 142,40€ (con respecto a este ano, coidado) para o 2020? Non. Segundo a información oficial da Moncloa, esa que se pode facilitar sen citar a fonte, como se os xornalistas recibísemos os datos por coñecemento innato, os beneficiarios da medida benfeitora serán 530.000 persoas. Gestha aseguraba que en 2015, 8.160.172 persoas (o 47% dos traballadores españois) cobraba menos de mil euros ao mes. E tamén que o 34,4%, case 6 millóns de traballadores, tiñan un salario inferior ao SMI. Cabe deducir logo que hai cinco millóns e medio de traballadores, que como non chegan ao salario mínimo, non lles afecta a suba? Como case todo o que ten que ver con cifras contrastadas neste país, non se sabe.

O ano pasado, cando o SMI era 655,20 euros mensuais (ou sexa que subiu 50 bolos nun ano e eu sen asombrarme), entrevistado por Jordi Évole, Mariano Rajoy recoñeceu que non eran moitos cartos: «Me parece bajo, pero son poquísimas las personas que cobran el salario mínimo en España». A ver, en que quedamos? Que se firmou?, algo importante con «generosidad y responsabilidad» ou unha trangallada?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail