O dereito á felicidade dos infelices: as peiteadoras de Saraxevo

Aínda que finalmente o retiraron, o primeiro argumento de defensa dos cinco mozos sevillanos coñecidos como La Manada e acusados de violar a unha rapaza durante a celebración do San Fermín en 2016 foi un informe encargado a un detective privado no que concluía que a suposta vítima retomara unha «vida normal» despois dos feitos. Seica a rapaza colgaba fotos no Facebook, volveu estudar, disfrazouse no Entroido e ata foi de vacacións ás praias de Levante no verán. Pero, como diaños unha rapaza de dezanove anos vai volver facer a súa vida despois dunha violación?

Para algúns militantes da España cañí, hoxe máis orgullosos ca nunca do Antiguo Réxime, esas fotos bastan para poñer en dúbida o relato da rapaza. Lendo entre liñas, quizais tamén para cuestionar esa teima do inimigo feminazi de que o que está a acontecer neste país ten un nome: terrorismo machista. Dende 2003, o primeiro ano no que se teñen cifras pormenorizadas de violencia machista, foron asasinadas 916 mulleres. Case un cento máis das que matou ETA en toda a súa historia. Mais na cuestión vasca non cabían as dúbidas. Alí non había detectives nin fotos sobre xente que retomaba a súa vida despois de cada atentado.

Aínda que non prosperou xudicialmente, a estratexia da defensa funcionou. As barras dos bares (e o Twitter que vén ser a súa versión 2.0) enchéronse de dúbidas. «Igual a rapaza ía borracha….». A reflexión dos validos é ben sinxela: se conseguen desacreditar un caso, téñenos todos gañados. Igual que con iso de que os políticos son todos iguais (ou en versión Álvaro Ojeda «Yo decido quien me roba y un comunista no me va a robar»). Cantas veces non escoitamos iso de que «cantas denuncias por violación son falsas». É esa precisamente a vitoria dos validos: o seu control do relato. Esa capacidade que aínda conservan para construír a hexemonía.

Mais saíronlles inimigos irredentos aos do Antiguo Réxime. Xente que sufriu moito pero que non está disposta a renunciar a ese dereito á felicidade que tamén teñen os infelices. Xente como o xornalista Antonio Pampliega (@APampliega), quen tras pasar dez meses secuestrado en Siria o primeiro que fixo ao saír do hospital foi ir a ver Star Wars no cine de verán do parque de la Bombilla. Pois como el mesmo confesa nun fío de Twitter a raíz dun artigo periodístico sobre «a vida normal» da rapaza violada en Pamplona, el tamén é culpable de querer desfrutar da vida despois do que lle pasou.

— Antonio Pampliega (@APampliega) 15 de noviembre de 2017

Xente como os mozos somalís que cada xoves enchen a praia de Liido, en pleno centro de Mogadiscio, sabendo que un día os yihadistas de al Shabab van volver para matar a todos os que non mataron nas dúas tentativas anteriores. Xente como Zurnreta Beslajic e as outras mulleres de Saraxevo que recorrían engalanadas con sombreiros e abrigos longos o barrio musulmán de Bascazija en pleno asedio á capital bosnia. «Vou ao salón de peiteado con máis frecuencia que en tempos de paz. É o meu xeito de demostrarlles aos chetniks que a miña moral está intacta. É o meu xeito de contraatacar». Como o dunha rapaza que vai a praia despois dunha violación.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail