A política do abusar

Os debates políticos dos últimos meses, centrados no recoñecemento das nacións que compoñen o Estado español e na garantía dos dereitos sociais da cidadanía, fixeron esquecer outros aspectos importantes na articulación institucional da participación democrática, dos que só nos lembramos cando temos as eleccións pegadas en coloridos carteis. Refírome ao sistema electoral e á provincia como circunscrición electoral básica.

A elección do sistema D´Hont como forma de articular a representación proporcional é posta con frecuencia en cuestión á hora de ver a diferente asignación de escanos/votos por provincia. O resultado desta escolla é, como sabemos, que vale máis un voto naquelas provincias menos poboadas con respecto ás de maior poboación á hora de adxudicar os queixiños do Trivial parlamentario.

A Constitución vixente sinala que a circunscrición electoral é a provincia. Nas eleccións ao Congreso dos Deputados asígnanse un número mínimo de escanos por provincia, e repártense os restantes de xeito proporcional á poboación. Aquí temos a primeira distorsión constitucional, porque ese «mínimo provincial» resulta nunha sobrerrepresentación das provincias menos poboadas en relación ás máis. Se ben nas de maior poboación a alteración da proporcionalidade é menor a respecto do conxunto do Estado, en termos comparativos coas menos poboadas, é grande. De feito, de aquí sae o exemplo de que un voto en Lugo vale o dobre que na Coruña.

Nas circunscricións pequenas, aínda cunha representatividade social significativa, unha terceira forza queda excluída.

A segunda anomalía, frecuente motivo de polémica electoral, é a inxustiza do sistema D´Hont ao penalizar aos pequenos en detrimento dos grandes. (Por certo, a Constitución non obriga a empregar este sistema, polo que por Lei orgánica pódese escoller outro, máis proporcional aínda). D’Hont funciona mal canto menor é a circunscrición, ou o que é o mesmo, canto menos escanos hai en liza por provincia, peor funciona. Aquí está a clave. Nas circunscricións grandes, con moitos escanos a repartir, a proporcionalidade, sen ser perfecta, é superior en relación ás pequenas, onde a penalización á terceira e sucesivas forzas políticas é moi grande. Aínda cunha representatividade social significativa, unha terceira forza queda excluída.

E velaí que a conxugación destes dous factores determina un marco perfecto para a sobrerrepresentación dun escenario bipartidista. Primeiro a nivel provincial, elevándose a nivel nacional e a nivel estatal pola suma provincial, aboando o camiño ao sempiterno «turnismo da Restauración». Isto é preciso mudalo, e hai que facelo en dous niveis: o constitucional e o estatutario.

Tocar a circunscrición provincial na vixente (e cuestionada) Constitución non só require reformala, senón un verdadeiro escenario constituínte (constituíntes, en plural, se consideramos que levará a un recoñecemento das nacións que conforman o Estado). O motivo disto é que a provincia vertebra non só a representación no Congreso, senón que tamén o fai no Senado e nas deostadas Deputacións provinciais, ademais de ser o marco que permitiu, ao agrupalas, constituír as comunidades autónomas.

Unha nova Constitución, sexa explicitamente federal ou confederal, debe basearse nas unidades políticas básicas que compoñen o Estado: as comunidades autónomas

Na nosa opinión, unha nova Constitución, sexa explicitamente federal ou confederal, debe basearse nas unidades políticas básicas que compoñen o Estado: as comunidades autónomas -algunha delas, como o caso de Galicia, titulares do dereito a decidir-, e non as provincias. Conseguiríase deste xeito que a dinámica política de cada unha destas unidades tivera un reflexo fiel en cada contenda electoral -incluída a europea-, sen as distorsións da provincia que deixa fóra e invisibilizados a partidos con importantes apoios sociais. Pódese obxectar que isto deixaría territorios sen representación política, en concreto os menos poboados e máis vulnerables. Un inconveniente que se pode e se debe atallar a través da legalidade ordinaria obrigando, por exemplo, a un mínimo de candidaturas de procedencia de diferentes partes do territorio en cada lista, do mesmo xeito que se debe garantir a igualdade de xénero mediante as listas cremalleira.

Con esta soa modificación conseguirían reducirse considerablemente os efectos da distorsión provincial, acomodando o Estado á súa realidade política actual, tanto a nivel estatal como autonómico. No caso das eleccións ao Parlamento galego, por certo, é o Estatuto de Autonomía de Galicia o que establece a circunscrición provincial, xa que a Constitución permite que se poidan «establecer circunscricións territoriais propias».

Tamén é posible a escolla doutro sistema proporcional diferente ao sistema D´Hont. Podería facerse tanto en Galicia como no Estado e sen necesidade de cambio constitucional ningún. Pero, independentemente disto, mentres a circunscrición siga sendo a provincia, a distorsión de representación está asegurada.

E que pasaría coas Deputacións provinciais sen a provincia? Pois que desaparecerían da esfera constitucional. No seu lugar, o razoable é atribuír á comunidade autónoma, no marco do seu autogoberno, o poder de decidir como organiza o poder local con plena potestade para establecer unha organización territorial acorde coas súas necesidades poboacionais, demográficas e socioeconómicas. No caso galego, sería a través da articulación de áreas metropolitanas, urbanas e comarcais que articulen funcionalmente e estruturen o país, a diferenza do que sucede agora. E, por suposto, cunha parte das competencias actuais recaendo neses niveis de gobernanza, e outras na propia comunidade autónoma.

Nas últimas xerais, con preto do 33% dos votos, o PP obtivo o 66% dos senadores

E o Senado? O bipartidismo elevado á máxima expresión maniféstase nun sistema electoral non proporcional, senón maioritario, que deforma a vontade política cidadá ata o grotesco, un espello de feira onde resulta difícil recoñecer o voto real emitido. Nas últimas xerais, con preto do 33% dos votos, o PP obtivo o 66% dos senadores. Por que prima tanto o sistema ao máis votado nun órgano que «case» non vale para nada? Pois polo «case». Vímolo cando aprendemos a esencia castiza do 155. Un cambio constitucional con maioría suficiente no Congreso pode ser tombado se ao Senado non lle gorenta. Por certo, este é o sistema que abandeira Feijóo cada vez que pide unha reforma no ámbito local cando defende o goberno do partido máis votado, unha proposta que aniquilaría electoralmente a disidencia, algo ao que sempre se lle chamou abusar. E disto hai máis exemplos, como o de impedir que vote con normalidade a xente moza emigrada por estudos ou traballo, ou que non se aborde a regulación do voto electrónico.

Como é sabido, os abusóns adoitan ser tamén uns trampóns. Por iso non sorprende que, con tanta vantaxe institucional, o Partido Popular aínda teña que concorrer dopado ás eleccións, sobre-financiado ilegalmente para dispoñer de máis medios e vontades que os seus competidores, argallando un sistema no que a corrupción se ten convertido nunha verdadeira forma de goberno e a manipulación informativa priva a xente de formar unha opinión pública libre.

Como serían os resultados democráticos sen as súas vantaxes, abusos e trampas? Imaxinades por un momento que sucedería se, como diría Xabier P. Docampo, perdesen a chave das noces?

* Luís Villares Naveira é maxistrado en excedencia e voceiro de En Marea.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail