O país infinito

Hai cousas que non se poden medir, por moito GPS que lle botes. A costa dun país, por exemplo, fai parte desa lista de, como diría o filósofo Mario Bunge, «ilustres descoñecidos», cousas que sabemos que están aí pero que non están aí, que carecen dunha entidade definida. Vamos a supoñer que queremos medir cantos quilómetros ten a costa galega, desde Ribadeo ata A Guarda, ou viceversa. Entón collemos un mapa ben grande de Galicia e, cun compás ou cunha regra, imos medindo pequenos tramos rectos de, por exemplo, 5 km. E resulta que Galicia ten uns 1500 km de costa. Non está mal. Pero podemos melloralo, incrementar os límites do imperio. Se facemos a mesma operación utilizando mapas máis precisos, a menor escala, aparecerán engurras e ángulos na costa que non estaban no outro mapa, menos preciso. Desta volta podemos usar tramos de 500 m. Dá máis traballo, pero o país resultante engorda. Agora resulta que a costa galega mide 7000 km. Non contentos co anterior, e animados pola descuberta desa capacidade de control sobre os límites da terra, decidimos que a costa galega ten que ser maior que a de China e Australia xuntas e, na lembranza de Domingo Fontán, saímos tomar as medidas a pé, percorrendo a costa toda do país, acariñando con agarimo as irregularidades do terreo, marcando unha liña recta nos cantís cada 50 cm. Agora si, Galicia ten unha costa inmensa, de varias ducias de miles de km. A este efecto xeográfico-matemático chámaselle «o paradoxo da liña de costa».

Isto de que os perfís das costas e outros elementos xeográficos teñan unha natureza fractal (que así é como se chama en matemáticas ás estruturas nas que os perfís non dependen da escala) permite adaptar con relativa comodidade a lonxitude das cousas ás aspiracións de quen as mide. Pero facendo enxeñaría inversa –ou, para axustar o termo ao caso que nos ocupa, enxeñaría do revés–, deste interesante feito podemos tirar tamén unha edificante conclusión: a mellor maneira de facer pequeno un territorio é delimitalo con estruturas de superficie lisa, inorgánica e aséptica, coma muros, paseos marítimos pegados ao mar e arquitecturas similares. As superficies lisas artificiais non dan xogo para aumentar de xeito indefinido os lindes. As distancias son sempre as mesmas, miremos como as miremos. Donald Trump, que con moita probabilidade descoñece o significado da palabra «fractal», decidiu venderlle aos habitantes do seu país aquilo de make America great again propoñendo, entre outras cousas, a construción dun muro –liso, sen natureza fractal, que así é como adoitan ser os muros– precisamente para delimitar os lindes entre os Estados Unidos de América e os Estados Unidos de México, de xeito que, ao facer tal cousa, conseguiría xusto o contrario: a imposibilidade matemática de aumentar indefinidamente os lindes do país pola banda do sur.

Non deixa de resultar inquietante que poidamos chegar a conclusións como a da indeterminación das distancias dalgunhas cousas a partir do sólido rigor matemático. A ciencia é así, unha ferramenta para manexar pesos e medidas, pero tamén para brincar con paradoxos e exercicios mentais, pílulas para estimular a imaxinación. Os líderes políticos e sociais poucas veces botan man delas, e mira que hai material. Iso debeu pensar hai anos Richard Muller, un profesor de física da Universidade de California en Berkeley que, interesado en transmitir conceptos da ciencia a unha audiencia ampla e sen que se precisaran coñecementos avanzados de matemáticas, decidiu impartir un curso na súa universidade titulado «Física para futuros presidentes». O curso tivo tanto éxito que a universidade decidiu gravar e difundir as clases pola rede. O libro, que se publicou co mesmo título, é un delicioso manual cun bo feixe de información útil para moverse con soltura por ese mundo cheo de curvas que nos ofrece o coñecemento científico e técnico.

Dicía o poeta Jesús Lizano que non lle gustaban «as persoas rectas, o mundo recto, as ideas rectas», el prefería «os mundos curvos, o mar é curvo, a risa é curva, a dor é curva… o pan é curvo, e a metralla é recta». E como son as mentes? Canto mide unha mente? Igual que ocorre coas curvas das costas, dos ríos e dos territorios sen muros, esas curvas que abren a porta a distancias sen fin, as mentes poden ser rectas, sen natureza fractal, e polo tanto matematicamente limitadas, ou curvas, de lonxitude ilimitada.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail