Os vinte mil fillos de Fenosa

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

No temporal de 2013 foron 70.000 os galegos que quedaron sen luz e moitos tardaron días en recuperala. No temporal de febreiro de 2017 tocoulles a 80.000 quedaren ás escuras, a bastantes deles máis de cinco días, e aló foron 180.000 puntos de luz pero, como deu a entender O Noso Alberto no Parlamento, ben podían dar as grazas porque cando o Bipartito escaralláranse 500.000. Agora, en decembro de 2017, a borrasca Ana deixou a 20.000 galegos sen luz.

O curioso do caso é que Ana bateu por todo a Cantábrico adiante pero só na Nazóm de Breogán o vento, a choiva e as árbores deixaron a miles de paganos do recibo da luz a catro velas. En Asturias, Cantabria ou Euskadi ou o vento estaba mellor educado, a choiva non mollaba e non hai árbores, ou cando caen teñen o detalle de derrubarse onde non pasa o tendido da luz. Se non foi por iso, ou foi unha milagre da Inmaculada ou non se entende; outro misterio mais para «Galicia, dimensión descoñecida», o musical.

As galegas e os galegos, até onde eu sei, pagamos a luz como os demais. Pagamos a finais dos noventa os famosos custos de transición á competencia que nos calcou o ministro Piqué, para que a privatización das eléctricas fora aínda máis negocio e non tiveran que herniarse as pobres compañías gastando en preparase para dar un bo servizo e competir de verdade.

Dende hai dúas décadas estamos sufragando o famoso déficit de tarifa, esa débeda de orixe misterioso que contraemos coas eléctricas porque, segundo din sen máis proba que a súa palabra, estivemos pagando a luz moi barata para que Aznar puidera gañar as eleccións, esa débeda máxica na que canto máis pagamos, mais debemos; coma nas estafas piramidais.

Agora mesmo estamos pagando a luz máis cara de Europa, unhas das poucas cousas nas que todos os españois son efectivamente iguais. Cando hai seca e non chove o prezo da luz sobe porque hai seca e non chove e cando chove e hai vento a luz sobe porque chove e hai vento; e iso que cando privatizaron as eléctricas públicas e liberaron os prezos e o mercado dixéronnos que o facían por nós, non por eles, porque nos ía saír todo máis barato.

As galegas e os galegos somos tan bos e xenerosos que, a maiores, lles pagamos co noso peto o famoso MEGA, aquel mítico Plan de mellora da electrificación rural que encheu a Galicia de Fraga de carteis para que, en plena década dos noventa, acabaran coa vergonza de ter partes enteiras do territorio sen luz ou sen unha corrente decente. Dende aquel xeneroso esforzo de todos a maior gloria do seu beneficio, nin Fenosa, nin outra compañía, teñen investido un patacón para mellorar as infraestruturas eléctricas do noso país. Ao mellor por iso aquí os afectados polos temporais se contan por decenas de miles e no resto por centenares.

Nun dos escasos momentos libres que lle queden a O Noso Alberto na súa exhaustiva e intensa vixilancia do que pasa en Catalunya, podía ver de ocuparse disto da luz. Chámaselle gobernar, por se se lle esqueceu como era.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail