Gobernos amigos, pero non tanto

Agora non se escoita tanto, ou tamén pode ser que eu escoite menos as proclamas políticas en xeral, pero na era anterior, a Fraga non se lle despegaba da boca a expresión «goberno amigo». A min lembrábame o de «fuego amigo», que é ese eufemismo para indicar cando quen te mata non é o inimigo, como está mandado, senón os teus. Independentemente do que a min me suxerise, o do «goberno amigo» era unha mostra pública e flagrante de como se entende a política ao galaico e hispano modo: as cousas non se conseguen porque haxa unha necesidade que satisfacer, senón porque hai un amigo que as concede.

Claro que non sempre é mellor ser amigo ca inimigo. Por exemplo, o ridículo que fixo a Xunta reclamando o Laboratorio de referencia da UE para o control de contaminación de bivalvos, emigrante á forza tralo Brexit. En xullo a conselleira do ramo marítimo, Rosa Quintana, pedírao no Parlamento (quero dicir que o dixo no Parlamento, pedir tíñao que pedir o Goberno central en Bruxelas). Na comisión correspondente do Congreso, o seu propio partido negouse, argumentando que non estaba a cousa para «localismos». (O localismo, como o nacionalismo, só o teñen os outros. Se as cousas se poñen en Madrid, non están en sitio ningún, senón onde deben estar). A primeira na fronte.

En realidade era a terceira. Cando hai confianza xa se sabe. Desde maio o Ministerio sabía que o laboratorio non ía para ningures, porque ─quizais por vez primeira na historia comunitaria─ alguén botou contas e dixo que saía moi caro. Ou máis ben botaron contas e como os bivalvos maiormente saen de Galicia, para que andar gastando nun laboratorio de referencia. Quen os produza que os controle.

A segunda foi en outubro, cando xa era pública a petición da Xunta. A conselleira mesmo anunciara publicamente que mandara «máis documentación ao Ministerio». O representante do Ministerio amigo (de Sanidade, xa se sabe que no de Agricultura e Pesca os bivalvos que coñecen veñen cun limón ou en salsa mariñeira), cando houbo que ratificar a medida adoptada en maio, votou para que se eliminara.

Recapitulando: en Madrid saben que se vai eliminar o laboratorio. En Galicia, ignorantes do asunto, pídeno e en Madrid non llelo advirten. Acto seguido, o representante de España remacha a xogada apoiando a supresión. No Congreso perden outra oportunidade de dicir: «foi boa pena, pero…» e contestan que a petición non procede, por egoísta e rozar a sedición.

Momento de sacar conclusións: Que grao de coordinación hai entre as administracións? Se esta é a relación entre gobernos amigos, cal é a que hai entre meramente coñecidos ou que apenas se saúdan no ascensor? Quen representa a sectores que teñen máis cota produtiva que algúns Estados membro da UE e quen negocia por eles? En relación co Goberno de España, que interesa máis: ser amigos, inimigos ou coñecidos con dereito a roce?



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail