Normalidades

Normalidade é unha palabra do cotiá, que sentimos preto, que dá seguridade e usamos coa mesma confianza que o xabrón de mans.

Foi por mor dunha conferencia de Raúl Zurita que vin hai unhas semanas «Poesía, paisaje y pasión». Descubriume algo que xa intuía. A finais do S. XVIII, grazas á invención dos hospitais modernos, xunto coas descubertas da anestesia e a profilaxe «a morte abandona as casas, as rúas, para confinarse nos hospitais, lugar onde se cura e tamén onde se vai morrer. A morte retírase, deixa de ter esa presenza impresionante, absolutamente necesaria, nun sistema no que a produción comeza a ser capital, que a morte se diluíra, tivera un lugar, se confinara, se retirara un escenario das rúas, das casas porque unha sociedade que pensa obsesivamente na morte non estaría moi preocupada por mercar oito marcas distintas de blue jeans».

Esta reflexión deume pé a falar nas clases de que isto mesmo acontece con outras realidades, extrapolalo ao confinamento de persoas con enfermidades de moi diferente índole, especialmente relacionadas coa saúde mental e, en xeral, coas outras capacidades. De novo, o hospital xogaba un papel que me abraiaba por definitivo. A eficacia dun invento que afasta o que non interesa ver, por motivos de produción, entre outros, como o que cita Zurita.

Pensei no Dombodán de Rivas (Un millón de vacas), no neno de madeira de A. Pexegueiro (Relatos para falferir), no parvo de Paco Martín (Muxicas no espello). Pensei en todos eses nenos e nenas que mediados o século pasado aínda se confinaban nun cuarto, por veces atados con cordas á cabeceira da cama. E como un reflexo recupero aquelas expresións dos adultos nas conversas da infancia, sempre rodeadas de silencio: non é ben, non é ben acabado, fáltalle un…

De nena sabía en que casas da aldea había nenos ou adultos diferentes. O noso modo de relacionarnos con eles envolvíase nunha cautela ou compaixón que imitabamos dos adultos.

Lembrei a figura de Nise da Silveira no filme de Berliner O corazón da loucura. Esta muller, médica psiquiatra, discípula de Jung, opúxose radicalmente ás formas máis agresivas dos tratamentos da súa época, como o electroshock ou a lobotomía e substituíunas por terapias innovadoras, como o contacto con disciplinas artísticas, terapias con animais…

Estes días vin un documental que me impresionou moito sobre a saúde mental, Veus contra l’estigma, dirixido por Marta Espar e Marc Parramón. Pensei daquela en Sylvia Plath e a súa Campá de cristal. E aqueloutra entrevista na revista Luzes a James Rhodes.

Todo isto porque eu quería escribir sobre normalidades. E regreso á etimoloxía como un salvavidas. Descubro con asombro que en latín «norma» significaba «escuadra empregada por carpinteiros e albaneis», e de aí «regra, modelo, precepto». Por algún motivo «estándar» xorde preto da palabra «normal». Responder a un estándar, a un modelo, e todo o que saia do marco queda fóra da normalidade.

Teño a sensación de que hai demasiadas normalidades confinadas, pregúntome se o estigma e o tabú son causa ou consecuencia do confinamento.

Outra palabra que rolda, como irmá, a estas que van saíndo no artigo é «inclusión». Hoxe podería tela escollido a ela: incluír (poñer algo dentro). Nun primeiro momento imaxinei a etimoloxía antes de consultala: traer aquí. E penso agora nas trampas da linguaxe, «traer aquí porque ti xa te situabas dentro».

Escintilan, por momentos, algunhas palabras de Cristóbal Colón, presidente e fundador de La Fageda, naquela xornada organizada por Paideia hai un par de anos xa: respecto, dignidade, compaixón.

No documental Veus contra l’estigma fixen moitas descubertas, como a expresión «contención mecánica» que encubre con asepsia o terror que debe sentir quen a experimenta. Tamén un proxecto finés «Diálogo aberto», que conseguiu as taxas de esquizofrenia máis baixas do mundo na Laponia Occidental, ou o traballo desenvolvido pola Rede pública de saúde mental de Girona, cunha taxa de reingresos tres veces inferior á media catalá e a máis baixa de Europa. E por último a Clínica Psiquiátrica Ticino, en Suíza, que hai tres anos que non suxeita a ningún paciente á cama.

O documental é valioso por moitos motivos: porque aproxima unha realidade fóra de alcance tantas veces, porque é a voz dos protagonistas a que nos fala e nos fai entender que só dende o traballo dunha comunidade (familia, amigos, profesionais da sanidade, axentes sociais) máis consciente é posíbel recuperarse e reinserirse cun proxecto de vida. Emprego a conciencia a palabra, deben reinserirse porque unha vez os expulsamos.

Nunha sociedade na que semella que todo ten que brillar, na que nada debe saírse da norma, na que a aparencia determina o éxito e o fracaso e onde se cultiva o pánico ao distinto, eu desexo para min e os meus estar en contacto con outras normalidades, interaccionar con elas, porque coñezo de primeira man a súa riqueza e efectos, porque tentar tender todo o tempo á norma significa acatar outra tiranía mais. Como di Edgar Vinyals no remate do documental: «aquí e agora é o momento dos cambios posíbeis. Especialmente é o momento de respectarnos máis, para que nos humanicemos».

Agradecida.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail