Plasma Social

Tocoume frecuentar os quirófanos estes últimos meses. Por dúas veces, para sandar unha fractura fixéronme infiltracións de plasma arriquecido. O que se chama plasma de crecemento. Debe ser algo especial, porque algúns seguros médicos non o inclúen nas súas prestacións de balde. Consiste en extraer o teu propio sangue e volver inxectalo no teu corpo despois de ser centrifugado. Produce un efecto rexenerador de ósos e músculos. No deporte de elite está considerado dopaxe. Non concordo. Trátase do teu propio sangue. Non hai trampa ningunha. De forma endóxena, os corpos autoproducen substancias benfeitoras. O único externo é o proceso de centrifugado.

O meu período hospitalario coincidiu con tempos sobresaltados na vida política (o resultado da repetición das eleccións en España, Trump, Cataluña). Da excitación temporal dos meses de finais de 2015 e 2016 retornamos nestes días a un período «bromuro» de mediocridade e frustración. Hai quen o percibe como volta á normalidade. É a versión «micr» que deixa o enquistamento da secuela peor destes anos de crise económica. «Volverá a estabilidade, pero nada volverá ser como antes». «A nosa descendencia vai vivir peor do que nós». Tráxica resignación. Reaccionarismo do máis perverso.

Hai días en que un segue a información política («as noticias») coa paixón dos bos desexos e co morbo dun thriller. Porén, outros días, simplemente, desexarías que che devolveran o voto. Se vives en Galicia, esta percepción vai unida a que Galicia, como discurso, parece fóra da axenda informativa e do debate social. E a única galeguidade divulgable vén ser a ironía tautolóxica de Rajoy.

Desde a melancolía esperanzada que ás veces suscitan os quirófanos (debe ser a cor verde das batas), chego a algunha conclusión: a política non se pode construír cun pensamento só político. A política non o é todo na nosa calidade de vida. Cómpre un tratamento similar ao que comentaba antes para o plasma social. O corpo político ten substancias endóxenas que permitirían a rexeneración. Fai falta só un proceso de centrifugado. Velaí o complexo. Construír espazo e atmosfera para os matices (iso que acaba sendo descartado e descualificado co apelativo de «equidistancia»). Iso vale para afondar na entropía de Siria, de Cataluña ou no modelo forestal de Galicia. Nada na vida e na natureza se me antolla monocausal ou unívoco. Todo require matices e intelixencia emocional.

Pero, sobre todo, boto de menos Galicia. O país convertido nun burato negro da axenda do que pasa. Da actualidade. Se cadra, cómpre crear unha identidade non exclusivamente identitaria. Quen se ocupará da centrifugación do plasma colectivo!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail