O rabo do can do presidente

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Eu non sei se Feijóo ten ou non can, mais a súa táctica política é exhibir o rabo do can como Alcibíades. Ese gobernante grego, cada vez que tiña que enfrontarse a un dos moitos problemas que creaba a súa mala xestión, o que facía era cortarlle o rabo ao can. E así toda a poboación ateniense deixaba de falar do problema para rexoubar sobre o rabo do can de Alcíbiades.

Hai uns anos lin a noticia de que na residencia en Monte Pío, había unha mascota, unha cadela, que «revoloteaba» (sic) arredor do presidente. Non sei se agora ten mascota ou non, mais si ten  unha admirábel habilidade para encontrar e facer «revolotear» rabos de can mediáticos cos que distraer a atención pública, mentres Galicia sobrevive nun longuísimo período de hibernación. Galicia non «revolotea», máis ben está nun estado comatoso. Como algúns morcegos, este país latexa unha vez por minuto. É o xeito de aturar a mala política, o peor Goberno dende o inicio da autonomía.

Agora a Ciencia Política terá que incorporar o estudo dunha nova forma de réxime: o Estado de Hibernación. España, co gran retroceso, o rearme centralista, pasou da Transición á Intransición. Mais onde se está a ensaiar o modelo da vangarda conservadora ou modernidade regresiva é, como case sempre, en Galicia con ese proceso de Deconstrucción  que ten como referencia monumental a Cidade da Cultura e que culminará coa apoteose da declaración unilateral do Estado de Hibernación.

O que en Galicia se enchan as urxencias dos hospitais, e mesmo boten por fóra, non se debe soamente a doenzas ou pandemias senón que, de xeito inconsciente, é un activismo de resistencia, esa impaciencia do paciente, ante a ameaza de Hibernación.

Cando ardía Galicia, o presidente da Xunta xa levaba meses abaneando un rabo de gos d’atura pirenaico. E cando a xente xa ía cansa de rabo catalán, e media Galicia entrou no inconformismo hospitalario do Estado de Urxencias, o noso presidente cataventos foi por un rabo de can a Euskadi, o rabo do Cupo vasco que tamén exhibe España adiante o capador de moda, señor Rivera.

Temos un presidente experto en política catalá e vasca. E a política galega en Galicia? Iso non existe. Como non existe a cultura na Cidade da Cultura. E que é o que alí hai? Unha exposición de rabos de can. É intención do Goberno galego celebrar por todo o alto a chegada do AVE no século vindeiro. Con motivo dese acontecemento, estase en tratos co Bristish Museum para poder exhibir no Gaiás o orixinal da escultura The dog of Alcibiades.

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail