fasdfsdf

O albertazo

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Anda O Noso Alberto preocupado polo cupo vasco, ese escuro apaño que din que asinou O Noso Mariano co PNV para asegurar o seu apoio para o que queda de lexislatura no Estado. Non discute o concerto porque está na Constitución e xa se sabe que os populares son como os templarios da Constitución do 78, pero co 155 en vez de espadas. O que si reclama O Noso Alberto é que se clarifiquen os cálculos para saber de onde saen esas cifras e como queda exactamente a liquidación fiscal entre o Estado e Euskadi.

Non o di, porque O Noso Alberto ten aspiracións e quere facer carreira e xa aprendeu –non foi sen tempo- que no Marianismo o mellor xeito de ascender é quedar calado, pero dáo a entender: as contas non lle cadran e os vascos saen gañando. Non se atreve a chamarlle cuponazo como fai Albert Rivera, que é un populista e ademais é moi de dereitas e O Noso Alberto é home liberal, pero para o caso coma se llo chamara.

Está ben que ao presidente da Xunta lle preocupe se os vascos levan o que merecen ou pagan o que deben. Non hai nada mais bonito neste mundo que a Xustiza.

Pero que a sanidade galega viva na inanición logo de décadas de infrafinanciamento porque Fraga aceptou a transferencia coma se estivera collendo a franquía dun Todo a Cen non é culpa do cupo nin dos vascos.

Que os servizos públicos galegos malvivan na penuria porque non se ten en conta dabondo os custos xerados pola dispersión e o envellecemento tampouco é culpa do cupo e dos vascos.

Que o novo sistema de financiamento se atrase porque ao PP lle interesa chegar ás eleccións coas autonomías collidas polo pescozo e que Galicia siga mal financiada sen que a Xunta diga nada tampouco é culpa do cupo e dos vascos.

Que os nosos pensionistas perciban a pensión media máis baixa do Estado tampouco é culpa do cupo e dos vascos.

Que a alta velocidade acumule anos de retraso, aínda non teña data de finalización e as mesmas partidas se repitan orzamento tras orzamento sen executarse, tampouco é culpa do cupo e dos vascos.

Culpables de todo isto seguro que hai moitos e inocentes poucos, pero responsable hai un seguro: o presidente da Xunta, O Noso Alberto, a quen eliximos e pagamos para que non pasaran estas cousas, pero pasan e non teñen pinta de ir mellorar. En Galicia non debería preocuparnos tanto o cuponazo. O que nos fode de verdade é o albertazo de cada día.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail