Moveuse o silencio

O adianto electoral en Galicia, decidido en Génova-13 (Madrid), tiña dous obxectivos que agora, celebradas as eleccións, revélanse urdidos dentro dunha trama política de claro tecido. Por unha banda, que esas eleccións fosen un episodio decisivo no campo de batalla da política española, coa amnistía do Procés como primeira munición. Por outra, pillar desarboradas, sen mastros nin velas, ás forzas políticas de oposición, nomeadamente os socialistas (PSdeG-PSOE), en proceso de resiliencia e mesmo confirmación do candidato, e xa non digamos a Sumar, que anunciara o congreso fundacional para marzo ¶ Non había nin un milímetro sen calcular nesa decisión do gran partido da dereita. Todas as coordenadas foron medidas. E o dedo indicador de Feijóo sinalou o camiño a Alfonso Rueda ¶ No ecuador da campaña semellou que o cálculo tiña erros. Que había fendas imprevistas nesa estudadísima trama ou recreación anticipada da batalla. A «españolización» da campaña puido desequilibrar momentaneamente a nave almirante do PP, e causar un certo desconcerto na flota, mais ese efecto búmerang foi axiña corrixido. O PP, con ese candidato bicéfalo chamado Feijóo-Rueda ou viceversa, soubo combinar as dúas bazas: a do caucus permanente da política española e o decisivo «campionato de chave» en Galicia do 18-F. Nesa virada, Feijóo demostrou que, malia a falta doutras calidades, ten o instinto depredador, de cobiza do poder, imprescindíbel para o liderado da dereita española. E iso é un factor que as esquerdas, e todo o espazo da cultura demócrata, debe ter en conta á hora de confrontar sen inxenuidade a estes novos mandaríns do neoliberalismo en España. Grazas aos resultados en Galicia, Feijóo consegue algo moi importante, case tan importante como rabuñar a Sánchez: manter a raia a Ayuso, que navega con patente de corso ¶ O escenario podería ter sido completamente distinto. En intres de encrucillada, ninguén se libra de confundir soños con realidades. Pero a posibilidade de que as eleccións deran lugar a unha tranquila revolución democrática en Galicia, obxectivamente, non estivo lonxe. Liberar a Xunta do partido que a ocupa como bando ou facción medieval xa sería unha revolución. Abrir as cancelas na CRTVG xa sería unha revolución. Potenciar os servizos públicos, a sanidade, a educación, a cultura, xa sería unha revolución. Defender a natureza ao tempo que se protexe o medio rural e se activa a economía circular, todo iso xa sería unha revolución. Todo isto xa sería unha revolución. E todo isto estaba, e está, no maxín da xente. Está na composición do ar que permite respirar en Galicia. Outra cousa é que aínda non se traducise nunha gran maioría electoral. Mais está claro que vai en camiño. Moveuse o silencio ¶ Sabíase que o piar do cambio tiña que ser un entendemento cooperativo entre o nacionalismo galego, de natureza emancipadora, e os socialistas galegos, xunto con todas as forzas, movementos e axentes anovadores presentes na nosa sociedade. En canto ao poder, mantense o Estado de cousas conformista, cunha maquinaria pesada, pero enferruxada. Pero faise visíbel, máis que nunca, a alternativa. O que puido ser posíbel, será posíbel¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail