As desiguais maltrátanse

En 1999 a ONU designou o 25 de novembro Día Internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres convidando os gobernos e institucións do mundo a organizar actividades para sensibilizar a poboación sobre un problema que define como «pandemia global», con formas específicas nas diferentes sociedades: ablación do clítoris das nenas, matrimonios forzados, secuestros e escravitude sexual nas guerras… e outras presentes en todas as culturas como a violencia dentro da parella ou as violacións nos espazos públicos.

Na nosa sociedade a forma máis visible de violencia contra as mulleres, sobre a que máis se ten lexislado e actuado, é a que sucede dentro da parella (ou ex-parella). O primeiro que debe ocuparnos é a protección desas mulleres e as súas criaturas, das que denuncian e das que non o fan (no que vai de 2017 case 50 asasinos de mulleres e criaturas) e estamos moi lonxe de ter os recursos necesarios para esa protección, lonxe incluso de utilizar adecuadamente os recursos que temos. Os consensos e «pactos» promovidos nos últimos tempos desde a dereita, se non supoñen máis recursos de prevención e atención ás vítimas serán bandeiras electoralistas con que se tapen as vergoñas da falta de compromiso real.

Unha violencia orientada contra a metade da humanidade é factible porque está oculta, «naturalizada» por procesos de socialización que a lexitiman como instrumento de control e sometemento. As actuacións que a ONU chama de sensibilización oriéntanse a desnaturalizar, deslexitimar e tirar da penumbra esta realidade para construír procesos de socialización alternativos, igualitarios e seguros por igual para mulleres e varóns.

As campañas institucionais galegas téñense orientado a identificar situacións de maltrato e de superación polas mulleres, a promover as denuncias, a mostrar solidariedade coas vítimas e rexeitamento dos maltratadores…  Malia anos de campañas, o barómetro do CIS de outubro 2017 mostra que a violencia de xénero só é preocupación importante para un 0,8% da poboación española (menos que o 1,8% que se preocupa pola crise de valores ou o 2,2% pola inseguridade cidadá). Un de cada tres menores de 29 anos considera que é algo normal nas parellas e un de cada catro que está esaxerada pola politización.

A campaña da Xunta de 2017, cuestionada polo movemento feminista por cousificar as mulleres, é un paso atrás dende o punto de vista da sensibilización e semella unha burla cruel. As mulleres somos a maioría (52%) da poboación galega, a metade pobre, con peor acceso e precaria permanencia no mercado laboral, cargamos coa maior parte do traballo doméstico, somos as adultas do 90% das familias monoparentais, vivimos máis anos pero con pensións de miseria… Ese «o máis grande de Galicia» ten un perigoso tufo a apoloxía da abnegación, nada a ver coa xustiza ou os dereitos de cidadanía. O de «non se maltrata» é unha afirmación ou apelación insultante porque milleiros de mulleres seguen a ser maltratadas cada ano en Galicia (1780 denuncias no segundo trimestre de 2017 segundo o informe de CXPX).

As desiguais maltrátanse. Banalizar desigualdade e violencia contra as mulleres non é só froito da incompetencia (a campaña non se retirou malia as críticas), mostra unha visión retrógrada da sociedade e unha perigosa falta de compromiso coa igualdade e os dereitos das mulleres.

A mesma que constatamos á vista dos orzamentos da Xunta para 2018.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail