As palabras do outono catalán

A linguaxe non é neutra senón que alenta as nosas ideas e impulsa as nosas accións, emocións e intereses.  Repaso polo vocabulario parcial e tendencioso concibido polas partes no conflito entre o Estado e Cataluña.

Na película Hotel Ruanda,  de Terry George, durante toda a metraxe, soa a voz dun locutor de radio do grupo dos hutus que encirra a audiencia contra os tutsi. A medida que a tensión avanza cara á guerra, o vocabulario do locutor vai mudando, facéndose cada vez máis agresivo, apelando á propia cidadanía a que vixíe, denuncie, persiga e elimine os «inimigos». Os personaxes da película poñen a radio para saber que pasa no país mais decontino se encontran con mensaxes de odio, até o punto de que o protagonista, Paul Rusesabagina, interpretado por Don Cheadle, ten que pedirlles, en repetidas veces, aos seus empregados no hotel que titula a película que apaguen a radio.

Na análise do outono catalán do 2017 teñen moita importancia as palabras que se escollen para explicar o que sucede e, sobre todo, para dirixir a opinión sobre o que sucede. Os medios de comunicación españois, que levan máis dunha década configurando un novo sistema informativo baseado nas coordenadas ideolóxicas e políticas e non tanto na procura da calidade xornalística, chegan á crise de lexitimidade pública en Cataluña cun modelo moi maduro, non de información senón de cooptación a través da opinión estratexicamente dirixida. En case todas as cabeceiras, platós de televisión, estudios de radio e fontes emisoras (de todas as xerarquías) na internet, consolídase un Modelo Espello que procura, por unha banda, favorecer a identificación entre as opinións editoriais e as expectativas informativas da audiencia. É dicir, o espectador filtra a información, só queda con aquela parte que quere oír, que casa coa súa escala de valores. Acumula argumentos que lle sexan válidos para confirmar a súa visión do mundo. Os medios non só sacian ese desexo senón que buscan unha comuñón emocional entre emisor e receptor en base a darlle a seguridade de que a súa opinión é maioritaria, ponderada e polo tanto correcta.

Por outra banda, ese efecto espello ten o poder, igual ca un espello que reflicte o raio do sol sobre un papel, de focalizar as emocións desa audiencia sobre feitos, persoas e comunidades cuxos valores non son nin ponderados nin maioritarios nin, polo tanto, correctos. Non se busca entender o punto de vista de quen non pense coma nós senón caricaturizalo, combatelo e retiralo do debate público.

Aínda que moitos medios optaron por reduciren a pluralidade de voces desde hai anos, nin sequera cómpre unha posición monolítica entre todos os emisores de información; simplemente fai falta que a audiencia note a xerarquía desas mesmas opinións para que non dubide sobre que visións son aceptables e cales censurables. De feito, na maior parte dos debates o campo de xogo dos argumentos está restrinxido ao que é considerado interesante pola axenda do propio medio, co cal incluso naqueles diálogos máis incendiarios só se dá unha sensación de exposición plural e racional das ideas mentres que florece, en realidade, a confrontación emocional que prima a expresión pura («a miña verdade») sobre o razoamento desapaixonado con datos e feitos.

A máis distancia, menos paixón  Para procurar que a información se impoña sobre a paixón e a opinión cómpre ampliar o rango mediático. Conforme se afasta de Cataluña e de España a orixe das noticias, vai esluíndose o nesgo e perfílase unha mensaxe máis imparcial, sustentada en evidencias e con maior participación de voces e puntos de vista. Isto concrétase, especialmente, no tipo de linguaxe e de aspectos que interesan fóra das fronteiras peninsulares.

A prensa europea  estadounidense e latinoamericana opta por destacar que en Cataluña hai un conflito de lexitimidades en base a unha interpretación desigual de conceptos como soberanía, democracia, maioría ou dereitos civís. Mais a maioría deses medios non se contenta con unicamente destacar o desacordo senón que busca sinalar as distorsións de determinados termos ou desvelar como se poñen en práctica os argumentos teóricos ben do Estado español ben da Generalitat.

Se ben na prensa española e catalá agroma a confrontación de percepcións sobre o que está a pasar estas semanas, na estranxeira ten máis interese coñecer que movementos políticos e cidadáns están en marcha, que supoñen en realidade os actos que se botaron a andar na sociedade catalá nestas últimas semanas para o modelo de democracia avanzada que se presupón nun país da UE no século XXI.

Utilizando como mostra ambas estratexias mediáticas, é bo comprobar como a escolla das palabras e dos feitos á hora de confeccionar informacións inciden nas audiencias. Que se di, por que se di e para quen se di. Pezas que han configurar o relato histórico dunha historia que se está a construír agora mesmo.

Nación, soberanía Nunha crise cuxo principal campo de batalla é a linguaxe xurídica é lóxico que todas as partes en conflito busquen dominar o léxico. Como sabe calquera xurista, a propiedade das palabras define a interpretación da norma e as máis das veces é o propio vocabulario o que provoca que un feito poida ocorrer. Como na mitoloxía, quen sexa capaz de nomear a realidade poderá dominala.

Foi o xornalista Enric Juliana o que argallou o feliz termo Brigada Aranzadi para definir o grupo de xuristas, principalmente avogados do Estado, maxistrados e fiscais, que desde os tempos da presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero boicotearon calquera recompensa da reivindicación catalá de maior autogoberno. Nos tempos da reforma «desnatada» do Estatut de Autonomía catalán de 2006 fraguouse a disputa principal sobre a natureza única ou dupla das palabras nación e soberanía.

Mentres que nación era un concepto asentado, co engadido «sen Estado» para o caso catalán, a través da propia Constitución de 1978 e mediante o monopolio do adxectivo nacionalista polas forzas políticas periféricas desas mesmas nacionalidades, a soberanía era patrimonio exclusivo do Estado español. Por iso, o catalanismo (pioneiro en desligar das súas siglas políticas ese cualificativo de nacionalistas) introduce o termo soberanismo para se definir a si mesmo e facer pivotar sobre ese novo concepto o seu dereito a decidir, unha nova forma de referirse ao que tradicionalmente se coñeceu como dereito de autoderminación.

Por que este cambio? Principalmente porque o dereito de autodeterminación estaba moi vinculado aos procesos de descolonización en África e Asia e ademais porque desde o primeiro momento, o soberanismo pretendeu que o punto crucial do seu programa era un referendo no que a maioría debía escoller se seguir pertencendo a España ou independizarse. Esa consulta democrática ten, en efecto, un poder discursivo superior á hora de sumar vontades. E iso vírono rapidamente os equipos de xuristas e comunicadores das forzas contrarias ao soberanismo, que contraatacaron definindo o movemento como separatismo.

Separación, independencia A palabra separatismo case nunca ten connotacións positivas, en ningún contexto. Ten un nesgo do que carece a forma independentismo xa que a palabra independencia é utilizada acotío pola linguaxe publicitaria como sinónimo de liberdade e autorrealización. Guerra da Independencia foi o termo alcuñado a finais do século XIX para fortalecer a idea nacionalista española no relato sobre a loita contra os franceses de Napoleón. Durante décadas, a batalla de España formara parte das Guerras Napoleónicas cuxa descrición fraguran principalmente os historiadores británicos.

Pola contra, o termo secesión entendeuse sempre como un elemento de ruptura negativa. Secesionistas eran os Estados escravistas do sur dos EUA, derrotados en 1865. Mais secesión é unha palabra demasiado culta, demasiado allea.

De aí que o verbo separar triunfase no discurso contrario ao soberanismo, coa versión máis visceral de «romper España», gráfica, dolorosa, que encaixa perfectamente no discurso historiográfico da imaxe emocional que moitos teñen do propio Estado como «corpo que sofre» e cuxa dor proxecta sobre os seus habitantes (o famoso «Me duele España», de Miguel de Unamuno.

Na prensa internacional o termo utilizado maioritariamente é o de independencia. É ademais un concepto intelixible por unha comunidade internacional que viviu desde 1991 case vinte procesos de independencia en catro continentes.

Sedición, revolución Na linguaxe xurídica, o termo sedición refírese a un levantamento, colectivo e violento, contra a autoridade. É inferior en gravidade ao termo rebelión mais comparte con esoutro concepto unha orixe militar.

Frote a estes conceptos fortemente connotados, parte do soberanismo catalán optou pola forma revolución. A pesar da súa orixe política, revolución tamén é unha palabra chave na linguaxe publicitaria. Nun ambiente de euforia, de ilusión, onde moitos dos participantes son mozos, unha proposta revolucionaria convértese de inmediato en atractiva.

De aí que para este e outros movementos, os medios contrarios ao proceso empreguen o concepto antisistema, cuxo significado alude á marxinalidade, ao radicalismo, ao nihilismo e sobre todo, á ilegalidade. É aquí onde tamén se entende o uso de sedición e rebelión, para vincular o que se vive en Cataluña coa actividade ilegal e polo tanto delitiva.

Legalidade VS democracia O discurso de Mariano Rajoy durante todo o proceso cara á independencia de Cataluña estivo baseado na férrea unión entre legalidade e democracia. E seguindo este ronsel, gran parte da prensa española creou figuras novas coma «voto ilegal», nunha liña lingüisticamente complexa, ao xeito de «inmigrante ilegal», onde se cuestiona que unha persoa poida estar fóra da lei. Neste caso cuestiónase que unha papeleta, por si mesma, poida estar fóra da lei nun país onde existe liberdade de expresión e dereito de sufraxio universal, reunión e opinión.

Enfronte, a estratexia de comunicación do soberanismo foi reivindicar a democracia como elemento superior á legalidade. Neste sentido, o catalanismo independentista usou dúas vías: aludir á evolución na historia do marco legal, sempre adaptado á sensibilidade social e á vinculación do seu proceso de emancipación do Estado español co respecto aos dereitos civís.

Represión, proporcionalidade E velaquí que no campo semántico do outono catalán se coou unha dicotomía que quizais non estaba prevista, polo menos non máis alá da teoría: represión ou proporcionalidade? O tema é dos máis profundos porque definir como foi a actuación policial durante o referendo do 1 de outubro pode marcar nun sentido ou noutro o relato do que está a ocorrer en Cataluña.

Neste caso concreto pódese comprobar claramente como os mecanismos comunicacionais máis próximos ás teses do Goberno español tiveron que activarse á carreira para contraatacar un discurso que se instalou rapidamente no contexto internacional en canto se viron, na televisión e nos xornais, as imaxes de policías golpeando e lanzando bólas de goma para evitar que dous millóns de persoas puidesen entrar en colexios electorais e votaren nunha consulta que xa fora declarada intrascendente pola xustiza española.

O achado dialéctico da prensa española foi o concepto de «proporcionalidade». Nos editoriais dos principais periódicos e nas tertulias das televisións xeneralistas falouse de temas tan controvertidos e ausentes da comunicación habitual como o monopolio da violencia ou a violencia xustificada. Neste tema, ademais, pola súa viralidade internacional e a incapacidade de permanecer neutral ante porras e cargas, a resposta foi máis intensa, con ingredientes propios do denominado «dereito do inimigo», é dicir, houbo que deshumanizar a parte da sociedade catalá independentista para facer comprensible a represión.

Ademais, tras as cargas do 1 de outubro que, para gran parte da prensa internacional, «mancharon» unha xornada festiva de votación, os medios de comunicación españois víronse obrigados a reforzar a identificación da sociedade española cos seus símbolos. Como todo vai nun pack, para defender as forzas e corpos de seguridade houbo que magnificar a importancia da bandeira rojigualda ou as cancións patrióticas obsoletas, caso do Que viva España que popularizara Manolo Escobar, que incluso chegou a soar repetidamente en emisoras de radiofórmula musical cuxo público obxectivo é menor de 25 anos.

Os medios durante a semana posterior ao referendo buscaron crear, e conseguírono en parte, unha atmosfera semellante á previa dunha final dun Mundial de fútbol na que xogase España. Mais a emoción que se sente non é a mesma se a quen aplaudes leva pistola e non un balón de fútbol, se o A por ellos remata aos 90 minutos ou che permite e che perdoa insultos, sopapos e humillacións en nome da unidade nacional.

Esta deriva totalitaria e uniformizadora quizais aínda só se esboza de maneira moi sutil pola prensa europea. Primeiro porque en Europa existe desde hai tempo un movemento xenófobo crecente e estable, con representación parlamentaria en varios dos máis poderosos Estados. E tamén porque, sen paixón, para a prensa estranxeira segue a ser incuestionable que non é posible contrapoñer ningún relato alternativo á imaxe das cargas policiais.

Pola contra, nos medios internacionais destacáronse igualmente as potentes mobilizacións en Barcelona, for as independentistas for a convocada polos contrarios ao dereito a decidir. En cambio, unha rápida análise das cabeceiras de Madrid ou da atención dos principais grupos de comunicación audiovisuais dános unha clara diferenciación entre «os nosos manifestantes» e os do «mundo independentista», concepto este de mundo, aplicado aos que pensan doutro xeito, que pode ser a forma máis refinada e polo tanto máis perigosa, de deshumanizar a quen pensa de xeito diferente.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail