Xosé Manuel Beiras: «Eu non quería ser líder»

Asegura que a traxedia da esquerda actual é a confrontación co inimigo equivocado. Aos seus 81 anos, Beiras (Compostela, 1936) dise «desencantado», algo inverosímil no catedrático de economía rebelde e indignado que segue sendo un dos principais referentes da esquerda e o nacionalismo galego.

Entrevistar a Xosé Manuel Beiras coa intención de ir máis alá da estrita actualidade é unha especie de vertixe. É aventurarse nun mar ás veces calmo, ás veces bravo. Fixémolo no Hotel Virxe da Cerca, en Compostela, pero en ningún dos salóns que foron testemuñas dos movementos de placas tectónicas do nacionalismo galego dos últimos anos. Entre o murmurio da auga e os píos dos paxaros, non se nos pasaron 300 anos como a San Ero de Armenteira, pero si foron case  tres horas de travesía conxunta. Isto é apenas un resumo.

Un bo xeito de comezar o relato da vida pode ser o das primeiras lembranzas. Ese neno podo velo, sen forzar a pescuda. Volvo alí cunha saudade alegre. Os meus primeiros pasos, os meus primeiros anos, na casa da Rúa do Vilar, número 11, 3.º andar. Alí vivín once anos, un tempo inesquecíbel. Meu pai pendurara no corredor, enmarcadas e cun vidro, as estampas do álbum Nós de Castelao. Dalgún xeito, cada día construías unha historia diferente con aquelas viñetas. Foron a primeira «paisaxe» da que teño conciencia. Impresionaba moito aquela da muller que levaba ao lombo un cadaleito coa lenda LEX…

Cando apareceu a música? Semella que forma parte «orgánica» de Beiras… Comecei solfexo aos 5 anos e piano un ano despois, mais a música xa estaba presente… e de que maneira! Os domingos, se chovía, pasábanse na casa cantando. Si, cantando. Meu pai tiña as partituras do primeiro cancioneiro galego, o que foi obra do padre Luís María Fernández, o confesor de Alexandre Bóveda. E cantabamos poemas de Rosalía, Pondal…

Ser quen de rebelarse contra a inxustiza. Ese semella ser o verdadeiro primeiro trazo para definir o ser humano. Tes conciencia dese intre? Lembro que miña nai falaba coas leiteiras que viñan dos arredores, de Calo ou Teo, e traían ás veces noticias estarrecedoras, a xente asasinada nas cunetas das estradas. Falábase en voz baixa, pero ese máximo horror histórico ficou no pouso máis fondo da memoria. E outra lembranza familiar transmitida, do meu pai, pertence tamén a esa orde do terror contra o que rebelarse. Estaba unha mañá cedo, no verán do 36, falando cuns amigos cando preto de onde estaban na praza de Cervantes detívose un intre, no remate da costa do pazo de Xelmírez, antes non había esas escaleiras, un automóbil. Meu pai volveuse e viuno, pola fiestra traseira. Era Camilo Díaz Baliño sentado entre dous cachimáns. O auto volveu arrincar e meu pai correu onda un compañeiro que traballaba nun sanatorio e onde sabía que tiñan un coche con chofer. E foron detrás do outro, pero perderon a pista ao chegar á bifurcación de Lavacolla… Meu pai e os amigos colleron por Curtis, pero os asasinos escolleran a estrada de Lugo.

Como foi a primeira escola, o primeiro mestre? Pois foi unha escola moi especial. Meus pais non quixeron que foramos á escola franquista, algo case imposíbel de evitar. Pero encontraron un xeito. Un mestre represaliado, expulsado da docencia, Xesús Pereira —por certo, pai de quen sería a miña compañeira, Aurichu, as voltas que dá a vida— fixo o que se chamaba unha preceptoría, que daban clases particulares ou preparatorias. Meu pai convenceu a outros para formar un grupo que funcionara de xeito cooperativo e apoiar a iniciativa de Pereira, un mestre extraordinario. Foi unha sorte, un agasallo do destino. Aquilo era un oasis no medio do deserto escolar. O mestre tiña o espírito da Institución Libre do Ensino. Tiñamos o noso caderno, un día da semana saiamos de excursión didáctica, para aprender no libro da natureza…Tivemos o mellor mestre posíbel, un republicano perseguido.

O mestre era bo, mais, como era o Beiras pequeno? Eras revirado? Non ho, que ía ser! Eu era moi guiadiño.

Guiadiño, pero con madeira de líder… Nada de líder! Eu era moi apoucado. Non quería ser líder. Nin sequera na universidade. O líder era Gonzalo Rodríguez Mourullo! Era o elixido por Galaxia. Fixeron unha gran festa na súa honra cando publicou Nasce unha árbore. Mais logo escribiu Memorias de Tains e acabou por rachar co grupo. E tocoume a min ser o líder! [Risas].

Aquela escola tan especial, illada no páramo do franquismo, non che facía sentir nun gueto elitista? Non, non tiña sensación de estar nun gueto. Eu, á parte da escola, xogaba co resto dos rapaces. Faciamos moita vida de rúa e iamos polos montes dos arredores de Santiago, a San Paio e por aí. Entre os compañeiros de xogos había dous, Carmelo e Roberto, que logo foron capadores.

Capadores? Si. Daquela era un mester moi demandado… [Risas]. O que si tiña era unha experiencia que os demais nenos non partillaban: o coñecer e tratar a xente extraordinaria como Otero Pedrayo, Paco del Riego ou o Padre Seixas, as amizades de meu pai. Logo, polo xeito de pensar, podiamos estar sinalados, si. Lembro que a meu pai lle deran unha labazada na rúa porque non fixo o saúdo fascista cando pasou un desfile. Déronlle unha hostia na rúa, unha humillación para aquel home feito e dereito.

Fotos: Pedro Agrelo

Hai algunha viaxe que teña o carácter de iniciación, que supuxera para ti unha gran aventura? Aos sete anos fun a Euskadi co meu tío Amador. Unha viaxe en tren con dous días para chegar. Nas paradas, dábache tempo a dar paseos polos sitios. Lembro que nos hospedamos no hotel Londres, na gran praia da Concha. Eu estaba marabillado. Logo, cando fomos negociar co PNV, reserváranme un hotel e resultou que era ese! Pero viaxe, viaxe iniciática, no sentido de cambiar a vida, foi o ir a París e vivir alí un tempo. Tiven unha primeira estadía, pero logo xa volvín con Teresa, a miña primeira muller, e Ricardo, o primeiro fillo, que tiña poucos meses de idade. E aló fomos no célebre Dous cabalos…

Dous cabalos? Si, o 2CV de Citroën. Déronme un premio que convocara a Casa de Galicia de Nova York, cando a presidía Emilio González López, por un ensaio titulado El problema del desarrollo en la Galicia rural. E con eses cartos, 10.000 dólares, puiden mercar o coche. Todo o que tiñamos cabía no coche. Mesmo lle fixemos un espazo para o berce do neno.

París! Todo o mundo quería ir a París… Era unha cidade sorprendente, un grande obradoiro de vida e cultura, aberta ao gozo, cada día unha descuberta… Eu tiven un profesor de Literatura que era cego. Lía en braille. Fora correo da Resistencia contra os nazis. E dunha persoa ías a outra, nunha permanente descuberta. A universidade, os cafés, os teatros, os mercados, era todo un tecido fabuloso.

De toda a xente que trataches, e que che influíu, quen subliñarías como mestres que deixan pegada? O mestre Pereira, o da primeira escola. Otero Pedrayo…Otero chegaba ao lugar da conferencia, preguntaba con toda tranquilidade: «De que hai que falar?», e daba unha lección maxistral sempre. José Luis Sampedro, que era unha persoa xenerosa co seu saber e que en lugar de facerse máis conservador co paso do tempo, fíxose máis revolucionario. E logo Ramón Piñeiro e Paco del Riego. Piñeiro foi o verdadeiro cerebro de Galaxia. Eu tiven co tempo moitas discrepancias, como é sabido…e non me gustaba ese engado por Heidegger…

Disque Heidegger accedeu a ser publicado por mediación dun crego galego, xermanista, que lle levaba viandas galegas (chourizos, botelo, queixo) á súa cabana na Selva Negra… Pode ser, pode ser… Con Paco del Riego traballei moito, cando vivía en Vigo. Era moi eficaz e íntegro. Había que facer de todo. Eu mesmo publiquei en Grial con pseudónimos como Paio Lampai ou H. Rous.

O marxismo segue sendo unha ferramenta? Unha cousa é o marxismo de Marx e outra cousa é o marxismo posterior a Lenin. O marxismo non é unha teoría, é unha metodoloxía. O materialismo dialéctico, e a súa aplicación dá lugar a unha serie de resultados. Eu son marxista nese sentido. Agora, se colles escritos de Marx ou de Rosa Luxemburgo, ou Lenin, e pensas que con iso xa entendes o que está pasando hoxe equivócaste completamente. Na Critica ao programa de Gotha, Marx di unha cousa moi atinada: que están identificando as clases traballadoras co proletariado industrial e non se dan de conta de que en Alemaña, a clase campesiña é moito mais numerosa que a clase obreira industrial, e que a están botando en mans do capital. Que a clase obreira sexa nun período histórico a vangarda significa a vangarda, pero non significa a exclusiva. Se non estableces as alianzas… O cambio de posición de Marx respecto a Irlanda, de desprezalos porque que son católicos, a dicir: «un momento, a loita de Irlanda pola independencia é un balón de osíxeno para o movemento cartista en Inglaterra». Iso había que aplicalo a moitos grupos da esquerda española que non entenden o de Cataluña, por exemplo.

Non deixa de ser sorprendente primeiro o silencio e logo o posicionamento en contra dos intelectuais en España a ese proceso. Por que hai tanta incomprensión? Hai unha frase de Castelao preciosa: «o máis parecido a un español nacionalista de dereitas é un español nacionalista de esquerdas». O Estado é unha realidade meramente superestrutural, e a nación é unha realidade sociopolítica. O normal é que os Estados creen mitoloxías de nación. No caso español, o Estado leva séculos intentando crear unha nación que non existe a nivel sociopolítico, nin sequera hoxe, e moito menos hai cen anos. Na esquerda hai unha impregnación desa creación da conciencia de nación desde o Estado. E iso é moi difícil de resolver. Pablo Iglesias estase debatendo constantemente, seino polas conversas. É receptivo, pero vacila, non só por cuestións de espazo electoral, senón porque lle costa traballo entender esas cousas. E logo desde os anos 30 ata os 80 imponse o stalinismo que identifica a nación co Estado, e que marcou a esquerda marxista, e na esquerda española moito máis.

Os cataláns non son maioritariamente independentistas, pero si maioritariamente queren decidir. Por que non abrimos un proceso constituínte, e quizais prefiran ter un Estado cun acordo confederal con outros? Nun ensaio sobre o asunto das nacionalidades para unha fundación de Podemos atrévome a dicir que se hoxe Castelao reescribise o seu Sempre en Galiza, probablemente a súa proposta sería unha confederación das catro nacións que constitúen historicamente o Estado Español, pero nalgúns deses espazos debería haber unha organización federal interna, por exemplo os Països Cataláns: Cataluña, País Valencià e Baleares; Euskalherria, e por exemplo a España estrita, na que Andalucía se federase con Castela, etc. Pasqual Maragall mantiña a tese do federalismo asimétrico: hai catro nacións que deberían ser soberanas plenamente: na cuestión idiomática cultural, na cuestión de facenda, maxistratura… esa tese botoulla abaixo o PSOE español.

Algunhas cousas só son viables se as fai a dereita, como o referendo de Escocia. Porén na dereita española non se ve fenda ningunha. Non se ve porque a dereita non é un partido conservador, en case ningún lugar: é a expresión no poder político do capitalismo salvaxe. Estamos a vivir a metamorfose do fascismo. A política da dereita alemá en Europa desde a guerra de Iugoslavia é unha reedición da doutrina do «espazo vital» dos nazis. Ao desaparecer o contrapeso da esquerda, dos países soviéticos e dos sindicatos, xorde unha contrarrevolución. Por unha parte, o capital transnacional que é mais forte que os Estados, recupera os espazos que lles cedera —enerxía, educación, sanidade—  porque os necesita para sacar deles beneficios. Por outra, a forza de traballo non pode participar no reparto de beneficios do produto interior bruto. Colles os índices de reparto da renda entre rendas do traballo e rendas do capital, e as do traballo hai 15 anos eran o 70 %, desde hai uns anos non superan o 50 %. Hoxe o sistema produtivo que domina é o capital financeiro, fronte ao capital mercadoría ou ao capital produtivo, e ten que actuar cunha man férrea no plano político, e iso antes daba lugar ao fascismo. Pero xa non son necesarios os partidos totalitarios, tampouco necesitan prohibir periódicos cando todos defenden os mesmos puntos de vista ideolóxicos… poden aprobar unha serie de leis anticonstitucionais. Que diferencia hai entre iso e o fascismo? Que de momento non te meten na cadea, pero xa coa lei mordaza, coa represión contra os cadros sindicais, onde está o dereito de folga ou de manifestación se che poden meter cinco ou seis anos por formar parte dun piquete?

Feijóo non é Fraga… Non ho!

… nin o PP de hoxe, certamente asediado pola corrupción é o PP triunfante de Aznar, e pese a iso, segue ganando. Tamén Mariano Rajoy segue aí. Un factor fundamental é a manipulación, os mecanismos de alienación conseguen que moitas capas sociais medias e baixas tomen como intereses propios os dos que os amolan. Segundo, en Galicia está a alienación colonial, aquí hai un exército de sipaios impresionante, encabezados por Feijóo. Pero logo hai outra cara da que na esquerda non se fala case nada e da que eu falo constantemente, dentro e fóra de casa, para entendernos, e por iso teño os meus problemas, que é a contribución que facemos nós a que iso ocorra. Cando nos confundimos de inimigo, e cando por impotencia fronte a ese monstro caemos nunha deriva paranoide, que é inventar un inimigo ao teu redor. E co compañeiro, camarada, grupo, que está contigo, de repente empezas a labazadas por discrepancias de tal cousa porque desa maneira sénteste realizado e eludes enfrontarte con quen te tes que enfrontar. E esa é a traxedia da esquerda actual.

Fotos: Pedro Agrelo

Pero a pesar desa alienación, hai grandes frontes de contestación. A partir do momento en que o descrédito das institucións políticas e dos seus inquilinos alcanza un punto crítico, a cidadanía máis consciente, ou a máis agredida, que non son o mesmo, empezan a dicir que carecen de lexitimación as institucións e empezan a autoorganizarse. Empezan un proceso democrático de rebelión cívica que lle chamo eu, e logo o paso seguinte é dicir, por que non somos nós os nosos propios representantes, e de aí vén o fenómeno en principio de Podemos, as Mareas, En Comú. Pero ao mesmo tempo, iso chega a un punto en que se aposta por centrar a batalla nas altas institucións, entre 2014 e as Europeas. O bipartidismo abanea, temos a oportunidade de darlle a volta nas institucións, determinados concellos e autonomías e logo imos ás Cortes. Iso acaba nunha derrota, no outono de 2016. O PSOE tiña que decidirse entre seguir sendo un partido dinástico ou recuperar un proxecto socialdemócrata. Os seus poderes internos: Felipe González, etc, apostan por seguir sendo un partido dinástico, e son capaces de decapitar a Pedro Sánchez, de facer o que sexa. En vez de cumprir o acordo de crear dúas comisións de negociación dun pacto de investidura, forzan un pacto con Ciudadanos en 24 horas e din, agora comedes isto. Detrás diso están todos os que sabemos: Prisa, Felipe González e os demais.

Non cres que ás veces hai demasiada preocupación pola toma do poder institucional, e que moitas enerxías poderían ser máis eficaces creando espazos alternativos? En Galicia, Manolo, ti fuches o primeiro, no verán do 2014, que lanzou o concepto de «Marea», que significa cidadanía en pe. O centro de gravidade está nos cidadáns activos, que se implican e se mobilizan, con independencia de que teñan militancia partidaria ou non. E incluso, a maior parte, e a menos viciada, é a que non tivo experiencia anterior en partidos. Pero para poñer iso en marcha existindo os partidos de esquerda, só había dúas posibilidades, que esas organizacións de cidadáns montasen a súa alternativa competindo cos partidos, que non ían deixar o campo libre, ou tentar que as organizacións dos partidos que estaban polo labor se integren como motores auxiliares. Pero o núcleo da cuestión ten que ser a cidadanía con esas características, con esa ética e con esa etioloxía incluso.

En Galicia quen aposta por iso é Anova, e arrastra a EU, porque estabamos en AGE, eu sei como houbo que arrastrala, que non quería saber nada do asunto. Arrastra a Podemos, grazas a que naquel momento Podemos acordara non presentarse ás municipais. Mais cando iso empeza a organizarse, e sobre todo despois de celebrarse as municipais atópaste con que o traballo nas institucións municipais cobra unha importancia enorme, esteas no Goberno ou na oposición, e ademais tes que organizar iso dunha maneira que teña continuidade, e o seguinte paso é erguer unha alternativa a nivel do Estado. E cando, con moitos vaivéns, pasos adiante e pasos atrás, sempre cunha oposición larvada dentro que quere seguir funcionando como partidos e non asumen a nova fórmula, tes tamén que crear a organización. Aplicas métodos hiperdemocráticos para eleccións, e aprovéitanse os cadros dos partidos para introducirse aí, cadros non nacidos da rebelión cívica. E ese é o problema que ten En marea agora. E ese é o problema que teñen a nivel de Estado. Eu estou desencantado.

Fai falta unha segunda indignación? Si, fai falta que a indignación continúe. E cando vos dixen que hai esa fase de 2014 a 2016 en que se mete toda a carne no asador no combate para entrar nas institucións, tiña unha lóxica: as conquistas a nivel municipal necesitaban que houbese un exército que levantase o sitio das cidades, unha nova maioría nas Cortes. Pero durante o proceso houbo moitos actores que non tiveron claro iso, e sobre todo que non actuaron en congruencia con iso, e que estaban ao seu. Outra vez a miña leira, as miñas marcas, aí estivemos algúns pelexando constantemente, que tivemos moitas hostias. E por outra banda, ese proceso deu lugar a unha desmobilización da rebelión cívica. A xente que se mobilizaba, se ve que a expectativa é que cambien as cousas nas Cortes, pois desactívase. Cando todo iso acaba na derrota, o golpe de Estado parlamentario de decembro de 2015 ao outono de 2016, hai que volver a darlle o protagonismo á rebelión cívica, e é complicado. Ese foi o debate en Podemos entre Pablo e Íñigo Errejón. E Pablo tíñao moi claro, pero aínda así estaba moi atrapallado con toda a cuestión da política institucional. Iso é o que pasou no procés catalán. Gerardo Pisarello, que é moi amigo, dicíame que non se podían xogar o Goberno de Barcelona. Que sería mellor que houbese unhas eleccións ao Parlamento de Cataluña, que se reforzase a esquerda… e eu dicíalle: eu non che levo a contraria, pero date de conta que o referendo, háxao ou non, é un proceso rupturista que apunta á liña de flotación do réxime, o outro non. O outro é volver entrar nas regras do xogo do sistema. Poténciase a esquerda, pero en Madrid poden estar tranquilos. Para min a única vía de saída da situación actual é reactivar a loita dos cidadáns como tales.

Militantes e activistas hai os que hai, é raro que haxa moitos que non estivesen en organizacións partidarias ou sindicais anteriormente. Endogamia e as loitas fratricidas das que falabas antes son unha mala combinación. Si. Ademais é que hai síntomas moi claros. Por que en Galicia a alternativa de En Marea, que aínda estaba en xestación, presentouse ás Cortes como coalición en decembro de 2015 tivo máis de 400.000 votos e en xuño xa non? E logo nas galegas, que o lóxico sería recuperar, aínda baixou máis? Por iso.

Tamén baixou Podemos. Bloqueouse unha saída dunha alternativa de esquerdas de forma absolutamente diabólica. Cando Felipe Sétimo (eu chámolle Sétimo porque creo que o Sexto é Felipe González) deu as audiencias aos portavoces dos partidos, aquela mañá chamoume Pablo Iglesias e díxome que informase aquí que estaban dispostos a apoiar a investidura de Pedro Sánchez e formar un Goberno de coalición. Pasouse logo en dicir aquilo de que ía ser vicepresidente, foi a inexperiencia… Despois diso, o rei recibe a Pedro Sánchez que lle di que está disposto a presentarse á investidura, pero que considera que o partido máis votado, o PP, ten que decidir se acepta ou non presentar candidato. Rajoy dille ao Rei que non se vai presentar e vai o Rei e propono igual. Iso que é? Un golpe de Palacio, aparte de saltarse a Constitución, que di que quen fai a proposta de candidato é o presidente do Congreso, o Rei só ten o cometido de recibir e trasladar a información. Pero no canto de facer iso, fai o outro, pero como o presidente era Patxi López… E con iso xa se montou todo, que se o pacto con Ciudadanos, que se tragas isto, que se o outro… E aí houbo falta de reflexos e de flexibilidade por parte de Podemos e de IU, negándose a falar.

Non se contemplou a posibilidade de que Podemos se abstivese, apease ao PP, lle dese o goberno a PSOE e Cs e quedase como a oposición de esquerdas? Iso barallouse.

E por que se desestimou? Iso xa non o sei, porque eu non estaba no cotarro. Pero, ben, o problema era que Errejón quería un acordo co PSOE, nas condicións que fose, e claro no conxunto de Podemos… A verdade é que non podes actuar contra a liña que segue a maioría das túas bases, sobre todo nun partido que se está formando. Pero, vamos, faltou cintura, que se di agora.

Ao final do franquismo, e coa Revolución dos Cravos, dicíase que un Portugal vermello era un furuncho, unha Península Ibérica vermella un cancro. Un Portugal que fai iso, un acordo de esquerdas, é un furuncho, unha Península Ibérica de esquerdas, é un cancro. E na esquerda emerxente non houbo suficiente talento e coñecemento, formación. As bases son moi importantes, pero as bases teñen que estar formadas e informadas e non estaban informadas.

Logo desa resurrección de Pedro Sánchez pode haber un acordo da esquerda? Ben, nin sei se debería dicilo, pero… creo que en Podemos se está buscando a maneira de chegar a un acordo con Pedro Sánchez e a min paréceme comprensible, pero tamén perigosísimo. Porque Pedro Sánchez segue secuestrado. A revolución das bases do PSOE foi exemplar, pero o mandato que lle deron a Pedro Sánchez, non o está cumprindo. Porque non se sinte con forza. Unha cousa é ganar un proceso nunhas primarias, cunha militancia moi cabreada con todo o que están facendo, e outra cousa ter os arrestos para ir a guerra. Eu entendo, volvendo ao de Cataluña, que Pedro Sánchez teña medo de que sexa unha cousa que lle estoupe nas mans. O que non entendo é o do PSC, ou o de ICV. ICV é o problema que teñen Pisarello e Ada Colau.

O medo que hai nos partidos democráticos españois con respecto á cuestión catalá é o mesmo que había no posfranquismo e na Transición. Podes considerar que isto é reformable mediante cambios na correlación de forzas, que non é igual que haxa un goberno do PP que un de Pedro Sánchez, incluso que un de Pedro Sánchez e Cs, pero para as cuestións fundamentais da sociedade española non vale. A cuestión catalá non só apunta ao réxime, apunta á monarquía, claro!

Con referendo ou sen el, a reacción recentralizadora vai ser brutal, sobre todo para Galicia. Xa está pasando. O titulo VIII da Constitución está abolido. O Titulo I está en gran parte, derrogado: os artigos sobre os fundamentos da fiscalidade, da Xustiza, sobre o Estado social de mercado, ningún está vixente desde hai anos. Todo por unha serie de leis, que se non tivesen controlado o Tribunal Constitucional terían que ser declaradas anuladas. A autonomía municipal xa non existe. O outro día dicíame o alcalde de Sada que era máis fácil hoxe con este Ministerio de Facenda facer un contrato cunha empresa para desempeñar servizos que impliquen dous millóns de euros que facer unha consignación para aumentar tres prazas para facer eses servizo. Porque iso dálle negocio a quen sexa, e o outro, non. Constitución e democracia non significan o mesmo.

Cales serían as primeiras medidas que tomarías se tiveras chegado a presidente? Xa o dixen unha vez: o que faría sería durar o tempo suficiente para facer cousas que tardasen 20 anos en desfacer. Pero seguindo no irreal, hai tres cousas que me parecen fundamentais. Unha, a recuperación da capacidade financeira de Galicia, dos intermediarios financeiros. Crear non necesariamente un banco público, pero si entidades como foron as caixas, o deseño, non a práctica que tiveron. Porque sen a capacidade de xerar un proceso de acumulación propia, este país non ten nada que facer. A segunda son os recursos, os enerxéticos, mineiros, acuícolas. Facer unha política rotunda para a súa recuperación e evitar o seu espolio, optimizándoos socialmente e facéndoos sustentables. A terceira é o idioma. Cando era o único deputado do Bloque propuxen un programa de alfabetización de adultos. Porque o galego é unha lingua cooficial, pero o 80 % dos galegofalantes, que son os que transmiten o idioma, son analfabetos na súa lingua. Estamos no de Piñeiro: prestíxiase o idioma nas elites facendo unha edición de mil exemplares de Cunqueiro, pero os demais? Porque é mentira que haxa un conflito lingüístico a nivel convivencial, está creado. Para min esas tres serían medidas fundamentais. En catro anos pódense facer, sobre todo se consegues que a xente do común se sinta implicada.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail